As vítimas do Alvia esixen unha investigación independente no sexto aniversario do accidente

PP e PSOE, ausentes na marcha e a concentración, que si contou con representantes de BNG, Anova, Esquerda Unida, Podemos, En Marea e Cs 

As vítimas do accidente do tren Alvia ocorrido en Angrois o 24 de xullo de 2013 esixiron ao candidato á investidura, o socialista Pedro Sánchez, unha investigación independente do sucedido fai hoxe seis anos na curva da Grandeira, xa que até o momento o único informe oficial do Estado español, o da CIAF (comisión de investigación de accidentes ferroviarios), determina que o único responsable foi o maquinista. 

Ao redor dun centenar de persoas, entre afectados, familiares e representantes políticos (de BNG, Anova, Esquerda Unida, Podemos, En Marea, Cs e Compostela Aberta), manifestáronse desde a estación de ferrocarril compostelá até a Praza do Obradoiro, coreando unha único lema: 'Non están esquecidos, están moi presentes. Investigación independente'. 

Así percorreron as rúas do Ensanche santiagués, portando pancartas que este ano incluíron o rostro de Pedro Sánchez, ao que esixen que impulse unha investigación independente sobre o ocorrido. 

En declaracións aos medios de comunicación antes de iniciar a marcha, o portavoz da plataforma, Jesús Domínguez, advertiu de que "é terrible ter que seguir con esta loita" despois do tempo transcorrido. 

A pesar de todo, lamentou non ter "ningunha" confianza no novo Goberno, porque o até agora ministro de Fomento en funcións, José Luís Ábalos, "ninguneounos" e os seus compromisos foron, para eles, "unha tomadura de pelo". Neste escenario, seis anos despois, aínda non hai data para o xuízo, pendente de que a Audiencia Provincial da Coruña se pronuncie sobre os recursos ao peche da instrución co maquinista e o exxefe de seguridade de Adif como imputados por 80 delitos de homicidio e 144 de lesións. Para as vítimas, tamén en Renfe existen responsabilidades pola traxedia.

"DESMONTAR A VERDADE OFICIAL". Con PP e PSOE ausentes nesta ocasión, os manifestantes chegaron aos pés da Catedral xusto ao mediodía, onde se concentraron e leron un manifesto reivindicativo. Co son das campás de fondo, Rogelio Bernardo, que perdeu a un fillo na curva da Grandeira, cargou contra o PSOE porque "seis anos despois segue os pasos do PP, ocultando a verdade e negando unha investigación técnica independente como pide Europa". 

"Ao longo destes anos, vítimas, pais, irmáns, avós, amigos... tivemos que ir a Europa para ser tratados como verdadeiros cidadáns e tivemos que loitar moito para desmontar a verdade oficial", destacou, para concluír cun "seguiremos loitando".

"GARANTÍA DE QUE NON SE REPITA". Tamén en declaracións aos xornalistas antes de iniciar a marcha, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, xunto á representante do Bloque en Europa, Ana Miranda, reclamou o "dereito a pasar páxina" das vítimas e incidiu en que para iso é preciso "verdade e garantía de que non vai haber repetición" do sinistro. 
Pola súa banda, o portavoz de Anova, Antón Sánchez, acusou a PP e PSOE de ser "obstáculo" e de estar "de acordo en defender o negocio por encima das persoas" no que considera "unha auténtica vergoña". 

Tamén a deputada de Ciudadanos por Pontevedra Beatriz Pino e o membro da coordinadora de En Marea Adrián Dios, entre outros, mostraron o seu apoio ás vítimas. 

Comentarios