Vigo debate sobre medio ambiente e enerxías alternativas

Máis de 300 expertos debaten estes días en Vigo sobre as enerxías limpas dentro da celebración do I Congreso Enernova de Enerxías Alternativas e Medio Ambiente. Neste encontro falarase de desenvolvemento sostible, uso racional dos recursos, progreso social e desenvolvemento económico.

O conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta, Manuel Vázquez, inaugurou onte o congreso pedindo o fomento das enerxías renovables como ferramenta para loitar contra o cambio climático, “un dos maiores problemas aos que ten que facer fronte a humanidade”.

Ata mañá, representantes das administracións públicas europea, española e galega, da Universidade, dos organismos e asociacións empresariais, así como empresas e profesionais analizarán o reto que supón implantar as enerxías alternativas como principal vía para a redución da emisión á atmósfera de gases de efecto invernadoiro.

Paralelamente ao Congreso iniciouse onte o mini foro Iberoeka, un encontro de profesionais  do sector enerxético de Iberoamérica, España e Portugal. Trátase dunha iniciativa do Programa Iberoamericano de Ciencia e Tecnoloxía para o Desenvolvemento dirixido ao sector industrial para fomentar a cooperación entre empresas.

No Foro participan máis dun cento de profesionais procedentes de Arxentina, Chile, Uruguai, Costa Rica, México, Brasil, Colombia, Guatemala, Honduras, Portugal e España.

Comentarios