Os veráns lucenses da vicepresidenta

Malia criarse en Ferrol, Yolanda Díaz adoitaba ir cos seus dous irmáns pasar uns días a Guitiriz, de onde eran os seus avós paternos
Suso e Yolanda Díaz, pai e filla, coincidiron este mes na entrega de premios da Fundación 10 de marzo. EFE
photo_camera Suso e Yolanda Díaz, pai e filla, coincidiron este mes na entrega de premios da Fundación 10 de marzo. EFE

Jesús Díaz Díaz e María Díaz Díaz. Así se chamaban os avós paternos da ministra Yolanda Díaz, un matrimonio que, ademais de apelidarse igual, conecta directamente a nova vicepresidenta do Goberno con Lugo, xa que os dous eran orixinarios de Guitiriz. "El era da aldea da Rúa e ela, dos Vilares", lembra un dos seus fillos, o histórico sindicalista Suso Díaz, pai de Yolanda. 

El e o seu xemelgo Pepe son os máis novos de sete irmáns e os únicos que xa naceron en Ferrol e non en Guitiriz, como ocorreu cos cinco maiores. "Meu pai estivera en Cuba, onde traballaba de carreteiro cun carro e un cabalo", relata Suso Díaz botando a vista atrás. 

"Un ano veu pasar un verán a Guitiriz para estar coa familia e alí coñeceu a miña nai. E xa se sabe como son estas cousas", di con humor. A partir de aí, ela "non quixo xa ir para Cuba". 

O que ocorre é que naqueles tempos renunciar ás oportunidades do Caribe por ficar na aldea non saía gratis, xa que a vida en Guitiriz non era doada. "Ante as dificultades que se pasaban traballando na agricultura decidiron ir para Ferrol", tamén cun carro e un cabalo, conta Suso, lembrando que de aí lle vén o alcume familiar. "Eu son fillo de Jesús do carreteiro", confesa. 

En Ferrol, o avó de Yolanda Díaz traballaba carrexando cousas para a emblemática Pysbe (Pesquerías y Secaderos de Bacalao de España S.A) e, desde que remataba a xornada, tamén levaba cousas para o sector da construción. En Ferrol xa naceu Suso no ano 1944 e nesa cidade quedou e formou a súa familia, que inclúe os seus tres fillos: Suso, que vai cumprir os 60 anos; José Ángel, sindicalista na USC; e a pequena, Yolanda, a vicepresidenta do Goberno. 

Pero malia á nova vida en Ferrol, a familia Díaz sempre tivo un pé e parte da cabeza en Guitiriz, onde contaban con parentes repartidos polos Vilares, Pardiñas ou Sanguiñedo e onde aínda hoxe conservan "moitísima familia", asegura Suso Díaz. "De pequenos iamos pasar sempre alí uns días. E máis tarde, cando me casei e tiven fillos, sempre fun pasar vacacións a Guitiriz, á casa duns tíos e dunha prima que logo xa vivía no pobo e non na aldea", lembra. 

E eses eran tamén os veráns de Yolanda Díaz. "De pequena ela tamén ía", revela seu pai. 

Hoxe, co coronavirus, todo é máis complexo. Yolanda botou medio ano pechada en Madrid, aínda que sempre que pode escapa para Galicia. E seu pai agarda en Oleiros, onde reside, a que o vacinen. "Non me tocou aínda porque son do ano 1944", di. No seu día a día vive "practicamente confinado", porque cre que agora "merece a pena agardar dous ou tres meses a que me toque a vacina en lugar de arriscarme a coller algo". 

Fai "vida caseira", con camiñatas pola mañá e lectura e música pola tarde. Melómano confeso, ten milleiros de discos de jazz, clásica e rock, malia que di que só distingue dúas músicas: "a boa e a mala". ¿E internet, Suso? "Úsoo o menos posible. Non estou disposto a pasar horas e horas mirando para o maquinillo!".

Comentarios