Vegalsa-Eroski celebra o Día das Letras Galegas con 21.000 bolsas conmemorativas

As bolsas mostran nunha cara unhas lentes negras, as que sempre levaba Francisco Fernández del Riego, e na outra unha frase que nunha ocasión lle dixo a Ramón Piñeiro: "Estamos a poñer en marcha algo grande"

Presentación da bolsa conmemorativa polo Día das Letras. EP
photo_camera Presentación da bolsa conmemorativa polo Día das Letras. EP

Os establecementos que Vegalsa-Eroski ten en Lugo e Vigo locen desde este luns carteis conmemorativos do Día das Letras Galegas 2023 e repartirán 21.000 bolsas conmemorativas da festividade.

As bolsas mostran nunha cara unhas lentes negras, as que sempre levaba Francisco Fernández del Riego, a figura homenaxeada este ano, e na outra unha frase súa, que nunha ocasión lle dixo a Ramón Piñeiro: "Estamos a poñer en marcha algo grande".

"Este é Fernández del Riego en estado puro, este é Fernández del Riego ilusionado", dixo este luns o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, durante o acto de presentación desta campaña no Eroski Center de Vigo.

"El sabía que a lingua, a cultura, non é unicamente cousa das administracións públicas, nin só das academias ou da docencia; é un labor de todos", engadiu para eloxiar o feito de que esta cadea de supermercados se unise a unha conmemoración dunha festividade que celebra a lingua e a cultura propias e que, como recalcou, só existe en Galicia.

"Fernández del Riego foi un pioneiro á hora de explicarnos que para ter unha lingua normalizada, unha cultura normal, estable, consolidada na nosa terra, temos que implicar ao tecido socioeconómico de Galicia", engadiu Valentín García para subliñar a iniciativa de Eroski. 
 

Comentarios