As veas do bosque galego

Elevadas, escondidas, directas ao mar... Achegarse a unha fervenza é achegarse a un lugar con encanto, onde a vida é vida e a natureza ofrece unha vía de escape inmellorable para fuxir da rutina
Fervenza do Ézaro (Dumbría)
photo_camera Fervenza do Ézaro (Dumbría)

Galicia é un deses territorios nos que a natureza non deixa de sorprender. De verán ou de inverno, a oferta de recunchos naturais dos que poder gozar é ilimitada.

Se ben é certo que o bo tempo e as agradables temperaturas do verán permiten aproveitar máis as actividades ao aire libre, existen certos espectáculos naturais que alcanzan o seu máximo esplendor no inverno.

No período estival, a maioría das correntes de auga perden caudal debido á evaporación e á escaseza de precipitacións. Porén, na última estación do ano, a cantidade de auga que flúe polas veas dos bosques galegos aumenta notablemente, debido ás abundantes choivas propias do clima galego. Esta afluencia de auga recollida no inverno favorece o espectáculo das fervenzas, un fenómeno natural digno de presenciar polo menos unha vez na vida.

E é que visitar un salto de auga é adentrarse nun lugar con feitizo, un espazo onde se respira natureza e tranquilidade e que permite a desconexión de quen alí se atopa. Resulta difícil expresar con palabras o que un sente cando chega ós pés dun cadoiro e ergue a cabeza. A paz interior e a quietude que transmiten os sons da auga e o contorno forestal levan ós visitantes a esquecero caos da rutina e a suspenderse no tempo durante unhas horas.

Galicia, debido á súa orografía accidentada e á gran cantidade de correntes fluviais que transcorren polos seus chans, é un territorio rico en fervenzas, contando con algunhas das máis fascinantes e fermosas de España.

CUESTIÓN DE ALTURA. A Fervenza do Toxa, situada no percorrido do río Toxa entre as parroquias de Pazos e Martixe (Silleda), está considerada a máis alta de Galicia en caída libre e unha das máis elevadas a nivel español, cun salto de auga de entre 50 e 60 metros. Este impoñente cadoiro forma parte do sistema fluvial Ulla-Deza e do proxecto europeo Rede Natura 2000 como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC).

Esta distinción vén dada, en parte, pola espectacularidade do seu contorno, formado por unha gran diversidade litolóxica, unha fauna difícil de atopar noutro lugar da comunidade e unha flora e variedade forestal composta fundamentalmente por especies autóctonas. Este pequeno paraíso interior pode ser observado desde varias perspectivas, posto que hai miradores na parte alta do salto para aqueles que desafíen a vertixe, ao pé da fervenza para os que non teñan medo a mollarse e ao longo do camiño que une os dous anteriores, para quen queira apreciar a paisaxe desde puntos de vista máis neutrais.

Poñendo rumbo ao norte e cambiando de provincia, no municipio lugués da Fonsagrada ató- pase a que se considera a segunda catarata máis alta de Galicia, en dura pugna coa da Toxa: a de Vilagocende. O río Porteliña, no seu tranquilo decorrer polas terras fonsagradinas, vese obrigado a saltar, literalmente, unha parede de pedra de 50 metros de altura, que remata nun pequeno val con bosque de ribeira formado por bidueiros, amieiros, carballos e piñeiros do país. Cun acceso a esta marabilla natural sinxelo e ben indicado, unha vez alí, a seimeira pódese contemplar desde as alturas ou ó pé da caída da auga, facendo posible que os visitantes gocen do espectáculo en primeira fila. Amais, os paseos que bordean a fervenza están cercados cunha varanda de madeira, por seguridade, e hai unha ponte que cruza o río e conecta as ruínas dun muíño de pedra coa base mesma do salto, onde está habilitado un espazo con mesas e bancos para o ocio e o recreo.

Moi preto das alturas nas que se moven as cataratas da Toxa e a de Vilagocende, atópase a fervenza do río Belelle, con 45 metros de baixada libre. Situado no concello de Neda, na Coruña, e próximo ó Parque Natural das Fragas do Eume, este salto de auga é un dos máis fermosos e espectaculares do país, pese a ser un gran descoñecido para os turistas. Cando a auga alcanza a fin da caída e impacta de novo no río, o relevo rocoso do mesmo forma unhas pozas naturais que resaltan aínda máis a grandiosidade da paisaxe. Arroupando o percorrer do caudal do Belelle atópase un gran bosque frondoso e húmido, formado por especies autóctonas como o castiñeiro e o carballo e unha gran variedade de fentos e musgo, que dotan á vista dunha gran gama de verdes intensos e un ambiente salvaxe. Este pequeno edén, escasamente sinalizado e de difícil acceso, é un dos poucos lugares para perderse que deixan marca en quen os visita, xa sexa pola súa beleza, o seu poderío ou a sensación de pureza que transmiten.

UN SALTO AO MAR. Cando un se achega ás costas do pobo de Ézaro, no municipio coruñés de Dumbría, é posible que espere atoparse cun lugar costeiro sen máis. No entanto, este recuncho galego esconde un tesouro natural tan fascinante como insólito: a Fervenza do Ézaro ou do río Xallas, a única en toda Europa que verte as súas augas no mar. Este cadoiro, de 40 metros de altura, impresiona pola forza coa que precipita o caudal do río sobre o Atlántico, pese a que a man do ser humano estivo a piques de rematar con el tras a construción de catro embalses ao longo do seu percorrido, culpables da mingua da cantidade de auga que trascorre por el e a fluidez coa que o fai. A pesar de que houbo unha época na que a fervenza tiña un horario de apertura e de peche (que coincidía coa apertura e o peche das comportas dos embalses), desde o ano 2011 pode ser visitada en calquera momento do ano e a calquera hora do día, sendo recomendable acudir nos meses de inverno para contemplar o seu máximo esplendor. Por se fose pouco, ao espectáculo da auga hai que sumarlle o da iluminación artificial que, se ben só se pode contemplar nas noites dos sábados de verán ou en datas especiais como Semana Santa, San Xoán ou o 24 de xullo, é clave na creación dun contorno máxico co que abraiarse. Xa sexa por este ambiente máxico ou quizais porque en Galicia temos unha gran tradición literaria, este salto de auga conta cun gran número de lendas ao seu arredor, destacando como máis arraigada aquela que afirma que, na antigüidade, os mariñeiros aproveitaban o vapor que se erguía por riba do Monte Pindo como consecuencia da batida da auga no océano para guiarse á hora de atopar costa. Sen dúbida, esta xoia, capaz de englobar nuns poucos quilómetros paisaxes fluviais, forestais e marítimas, supón outro dos grandes atractivos da Costa da Morte.

Comentarios