A Universidade galega busca estudantes na diáspora

O Sistema Universitario Galego mantén dende hai anos unha tendencia á baixa no número de estudantes matriculados que se viu reflectida na redución do número de prazas nalgunhas titulacións e no aumento significativo das carreiras que ano a ano abandonan o 'numeros clausus'. E se aquí temos crise de alumnos, pode que a solución sexa reclutalos fóra.

Así, a Xunta iniciará mañá un programa de información e difusión do Sistema Universitario de Galicia destinado aos galegos residentes no exterior. Esta iniciativa desenvolverase nos principais destinos da diáspora galega en América: Arxentina, Venezuela, Uruguay e Brasil.

O programa consistirá nunha serie de xornadas informativas nas que se tratará a estrutura do ensino universitario en Galicia, os novos programas oficiais de posgrao (POPs), e o sistema de bolsas e axudas, nomeadamente as destinadas a persoas de orixe galega e aos seus descendentes. Ademais, editarase unha guía informativa destinada aos galegos residentes no exterior.

Os lugares nos que se impartirán as conferencias serán as universidades de Caracas, Bos Aires, Río de Janeiro, Montevideo, Salvador de Bahía, e Sao Paulo. O programa desenvolverase a raíz dun convenio entre a Secretaría Xeral de Emigración, a Consellería de Educación e as tres universidades galegas.

Comentarios