A Unión de Gardas Civís de Galicia defende o uso do galego

A Unión de Gardas Civís de Galicia (UGC-Galicia) fixo público un comunicado en defensa do galego. Nel aseguran non entender "o profundo odio que desata a nosa lingua noutros colectivos", crítica que se supón dirixida -pese a non aparecer citada no texto- á Unión Federal de Gardas Civís (UFGCS).

Este último colectivo manifestou recentemente a súa repulsa á redacción das demandas en galego. Era a resposta que daban estes membros da Benemérita ante a iniciativa presentada no Congreso polo deputado nacionalista Francisco Rodríguez.

A UGC atribúe á ignorancia "as afirmacións destes días en contra dun pobo que sempre foi tolerante co resto das culturas". Aseguran que os Gardas Civís galegos se sinten orgullosos da súa lingua e que non entenden cal é o motivo para que "quen descoñece a realidade galega intenten dividirnos cun problema inexistente".

O organismo galego vencella cunha educación caduca a reacción que a UFGCS tivo ante a proposta nacionalista, anunciando campañas de desobeciencia se aquela adquirise rango de lei. Na Unión de Gardas Civís de Galicia pregúntanse se se trata de "morriña dos tempos nos que perseguían ós galegofalantes".

Dende a asociación, a única rexistrada na Xunta de Galicia, aseguran que "ningunha política reaccionaria" contra o galego será ben recibida no seu seo. E esixen que as demandas e calquera outro trámite se redacten nas dúas linguas, posibilidade que se recoñece nos artigos 3.1 da Constitución e 5 do Estatuto.

Consideran que "o contrario sería unha intolerable marxinación a uns cidadáns que pagan para ter un servizo policial de calidade", que non depende da lingua.

Comentarios