Gardas Civís advirten da posibilidade de atentados de ETA en Galicia

A unión de Gardas Civís de Galicia advertiu do perigo de "posibles accións terroristas" na Comunidade galega. O colectivo lembra que xa ten denunciado a existencia de membros de ETA asentados en Portugal, que tentan evitar "a presión policial crecente en Francia".

Neste sentido, a asociación apunta que "por lóxica de traxectos" sería fácil que os comandos de ETA asentados no país veciño utilicen o territorio galego para trasladarse "a obxectivos onde cometer os seus atentados". UGC-Galicia pide ós responsables da Garda Civil "máis medios humanos e tecnolóxicos" para Galicia. Non obstante lembra que os profesionais da comunidade están "moi cualificados" a pesar de non contar con persoal e medios suficientes.

O colectivo afirma que os axentes de Seguridade Cidadá en Galicia son "constantemente obrigados a abandonar as súas funcións" para apoiar outras áreas, como a seguridade vial. UGC-Galicia pide "un esforzo maior" en termos técnicos antiterroristas e nas infraestruturas da Garda Civil, e sinala que con membros da banda armada "posiblemente paseando por Galicia", os cuarteis "non poden estar na actual situación".

Comentarios