Financiamento para estender os Bancos de Tempo

A Xunta investirá 15 millóns de euros entre 2007 e 2010 para implantar unha rede de expertos que asesoren tecnicamente aos concellos interesados en incorporar un 'Banco de Tempo' aos seus servizos cidadáns.

A iniciativa, que xa funciona en Italia e en Cataluña, consiste en xerar un intercambio entre as habilidades dunha persoa e as necesidades doutra. A unidade empregada para medir a valía desta interacción será o tempo. Así, un cidadán pode ofrecerse a dar unha clase de inglés durante unha hora a cambio de que, por exemplo, outro coide dos seus fillos durante eses mesmos sesenta minutos.

"O tempo iguala en valor as diferentes habilidades, sendo un referente de tipo ético e non económico", declarou o secretario xeral da Consellería de Traballo, José Vázquez Portomeñe, durante a presentación da Guía práctica para a implantación dos Bancos de Tempo que se remitirá en breve ás entidades locais de Galicia. "Hai un espazo fóra do eido laboral, social e político que se pode compartir", sinalou Portomeñe.

Tres das sete cidades, Ourense, A Coruña e Lugo, ademais doutros oito concellos de menores dimensións xa puxeron en marcha actividades preparatorias para pór a andar os Bancos de Tempo, inspiradas noutras iniciativas desenvolvidas en Barcelona. Agora, a guía elaborada pola Xunta, pretende que máis entidades locais de sumen á inciativa.

O s sete eixes de servizos básicos recollidos no documento son a atención ás persoas, o coidado do corpo e a saúde, tarefas domésticas, informática, idiomas, formación, asesoría e orientación. 

Comentarios