UGT desconvoca a folga do lixo despois de conseguir un acordo de mellora salarial

A intervención da Consellería de Traballo favoreceu a firma do acordo (Foto: Otto. AGN)
photo_camera A intervención da Consellería de Traballo favoreceu a firma do acordo (Foto: Otto. AGN)

Representantes dos traballadores da empresa de recollida de lixo Isolux Corsán e directivos da propia compañía alcanzaron un preacordo para desconvocar a folga no servizo, que comezou o pasado domingo.

Ambas partes, tras negociar durante todo o día na sede da Consellería de Traballo, pecharon un acordo básico para unha mellora salarial dos operarios. UGT-Galicia, sindicato convocante do paro no servizo de recollida deu por finalizado o conflito e só está pendente a aprobación do acordo por parte dos traballadores.

Está previsto que os empregados de Isolux Corsán volvan a recoller o lixo que asolaga 87 concellos de Galicia a partires do vindeiro domingo, cunha frecuencia de recollida idéntica á establecida ata agora. A mediación da Consellería de Traballo foi determinante para que ambas partes alcanzasen un acordo 'in extremis'.

As negociacións continuarán
Os traballadores están citados hoxe nunha asemblea na sede de UGT, en Santiago de Compostela, para ratificar os acordos alcanzados, que reflicten unha subida salarial do 7% tanto para a hora extra como para o contrato ordinario. A hora extra pasará a 12 euros para o condutor do camión de lixo, cando antes era 5 euros; e 11 para o peón, cando antes rondaba os 4 euros.

No concello de Cabanas, con só 2 traballadores, Isolux Corsán reforzará o servizo cunha persoa máis.

A Consellería de Traballo convocará para a próxima semana ás dúas partes para continuar coas negociacións, fundamentalmente no referente a instalacións, renovación da flota e reestruturación das xornadas laborais.

“É un bo acordo porque satisfai ás dúas partes", asegurou a directora xeral de Relacións Laborais, Pilar Cancela, despois da conclusión da reunión. Cancela agarda que o consensuado sexa ratificado hoxe na asemblea de traballadores “sen problemas”.

Comentarios