Traballadores da mina de Serrabal en pé de guerra contra o AVE

Os traballadores da mina de cuarzo de Serrabal iniciarán mañá mobilizacións para esixir que Fomento cambie o trazado do AVE Santiago-Ourense ao seu paso por Vedra e Boqueixón. Segundo o proxecto actual, o tren de alta velocidade afectaría a parte da canteira propiedade do empresario Juan Miguel Villar Mir.

Os representantes sindicais de UGT e CIG e o Comité de Empresa de Serrabal anunciaron o inicio das protestas como resposta á decsión do Ministerio de Fomento de non cambiar o trazado actual do AVE. O departamento estatal argumenta que calquera modificación suporía un atraso de cando menos dous anos, e que a afectación real da mina de Boqueixón co actual trazado sería moi reducida: dun 10% segundo os datos que manexa o Executivo.

Os representantes dos traballadores non están de acordo cos argumentos de Fomento. Criticaron a "tozudez da ministra e a ambigüidade da Xunta, que non se posiciona a favor dos intereses de Galicia". Aseguran que o argumento do retraso non é válido, posto que aínda existe algún outro tramo sen proxecto final e que obras como as estacións de Ourense e Santiago non teñen "nin o proxecto definitivo nin a licitación da obra". Consideran que "se o tempo é a escusa, é porque non existen dificultades técnicas" para executar a modificación do trazado.

Os traballadores aseguran que segundo os seus datos, o AVE afectaría a 1.700 dos 2.700 metros do filón principal de cuarzo da mina e levaría por diante moitos postos de traballo entre directos e indirectos. Lembran que a mina de Serrabal dá de comer a máis de 1.500 familias, tanto das persoas empregadas directamente na canteira como os que traballan nas industrias de silicio de Ferroatlántica en Cee e Dumbría.

Valoracións políticas
O alcalde de Boqueixón, Adolfo Gacio, asegurou o pasado venres que apoia aos traballadores da mina. Declarou que a chegada do AVE é prioritaria, pero que non debería estar por enriba dos empregos de Serrabal. Acusou a Fomento de "xogar cos postos de traballo" de moita xente e reivindicou un cambio de trazado que non afecte á mina, posto que "o AVE xa acumula bastantes retrasos sen que sexa culpa de Serrabal".

Pola súa banda, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, tamén valorou en días pasados a cuestión da mina de cuarzo. Touriño asegurou que "non asumirá desviacións de trazado significativas que modifiquen o obxectivo xeral irrenunciable de ter o AVE canto antes" en Galicia. Con todo, garantiu que se fará o posible por manter a actividade e os postos de traballo da mina e postergou facer calquera valoración ata despois da reunión convocada para mañá entre representantes de Adif, do executivo central e do goberno galego.

Comentarios