Traballadoras do servizo de axuda no fogar agrupadas ao redor da plataforma SAF Galiza denunciaron despedimentos en compañías concesionarias que atribúen a razóns económicas para aumentar as marxes de beneficio que reporta un servizo que, segundo remarcan, "non xera actividade empresarial" máis aló das achegas económicas das administracións.
Así o explicaron nunha rolda de prensa celebrada este venres en Santiago María José Fernández, Ximena González e Ángeles Poyán, esta última, traballadora do SAF de Chantada recentemente despedida xunto a outra compañeira por razóns de "baixo rendemento" após permanecer meses de baixa laboral.
En apoio a estas dúas traballadoras e a outro seis exempleadas do SAF de Ourense tamén despedidas recentemente foron convocadas dúas manifestacións o vindeiro sábado 22 de maio.
Nelas, reclamarán a readmisión das despedidas e pedirán a apertura dun debate sobre o modelo do servizo de axuda no fogar que, segundo advirten, camiña cara á "xeneralización" da concesión do contrato de servizos que, en ocasións, asumen empresas "alleas" ao sector dos coidados, como construtoras ou grandes multinacionais.
Así, denuncian que a introdución das empresas privadas que entenden o servizo "como un negocio" supuxo unha "precarización" das condicións laborais, cunha redución nas horas traballadas e falta de medios materiais e humanos; o que tamén se traduce no "empeoramento" da atención ás persoas, na súa maioría maiores e cun grao alto de dependencia.
Segundo explicou Ximena González, na actualidade existen tres modalidades na prestación dos servizos de axuda no fogar, compentencia que recae nas administracións locais.
A asunción directa polos concellos é unha destas tres modalidades, aínda que os últimos anos, incidiu, os servizos foron convocados para a súa prestación por empresas privadas, que ben o realizan na súa totalidade ou en parte.
Sobre este último modelo, a plataforma sinala que na prestación do servizo "unhas horas son públicas" e as outras están "privatizadas", aínda que as condicións laborais para as traballadoras "son absolutamente diferentes" entre as que están vinculadas ao concello e as que o fan á concesionaria.
Neste sentido, sosteñen que existe unha diminución na calidade do servizo prestado e nas condicións laborais que, segundo o colectivo, responde a que o SAF é entendido como "un negocio" para as empresas que entran no sector "a lucrarse". "O mesmo diñeiro que as administracións destinan hoxe a financiar os servizos, se quitásemos o beneficio que obteñen as concesionarias, serviría para mellorar a atención das persoas e as condicións das traballadoras", remarcou Ximena González, que, en boca da plataforma, reclamou a apertura do debate sobre a remunicipalización do SAF.
Todo iso, din, sen que os concellos e a administración autonómica cumpran co seu labor de control sobre a prestación dos servizos por parte das concesionarias.
"INVISIBILIZADAS". Así as cousas, as traballadoras din sentirse "invisibilizadas" como, ao seu xuízo, demostra que ao longo da pandemia e a pesar de contar coa consideración de servizo esencial, "non se recoñeceu" o contaxio por covid como enfermidade ou tiveron que desempeñar as súas tarefas con "escaseza" de EPIs e, en ocasións, con máscaras e batas "defectuosas".
"Algunhas compañeiras tiveron que ir traballar con batas do Prestige e máscaras de ir a sulfatar", denunciou María José Fernández, que fixo fincapé en que o convenio do sector está "obsoleto" e é preciso renovalo.
Outro dos aspectos que ven necesario abordar é a "separación" entre os servizos de limpeza e a atención ás persoas ou a reconsideración das bases de cotización e que se aplique o cociente reductor polo desgaste físico e psicolóxico ao que deben facer fronte estas traballadoras.