Touriño e Quintana selan o acordo marco para os concellos

Os líderes de PSdeG e BNG, no Hotel Monumento San Francisco (foto: Pepe Ferrín)
photo_camera Os líderes de PSdeG e BNG, no Hotel Monumento San Francisco (foto: Pepe Ferrín)

Despois de dúas semanas de conversas no comité negociador, os xefes de filas do PSdeG e do BNG asinaron o acordo marco. O secretario xeral dos socialistas galegos, Emilio Pérez Touriño, e o portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, protagonizaron esta tarde unha sobria cita que posibilita directa ou indirectamente o goberno compartido duns 95 concellos galegos.

Tras a breve sinatura, chegou o momento das declaracións. Quintana manifestou a súa "satisfacción" polo acordo, porque demostra que "somos capaces de dar contestación ao que os cidadáns decidiron o pasado 27 de maio". O líder nacionalista asegurou que os cidadáns apostaron por "que non houbera maiorías absolutas en moitos concellos", senón "gobernos maioritarios e bases programáticas estables".

Pola súa parte, Touriño felicitou primeiro ós integrantes de ambas formacións que traballaron para a elaboración deste pacto. O socialista afirmou que no documento ratificado hoxe se respectou a "autonomía municipal" e se deseñaron políticas para "estar cerca dos problemas" que preocupan á xente, como "o benestar social, a vivenda ou o emprego".


As claves do acordo
Esta é a cuarta negociación destas características que asinan ámbalas dúas formacións dende o 1991. Neste caso o resultado estrutúrase en oito criterios programáticos, tres sobre o funcionamento dos gobernos locais e outros catro que abordan a conformación dos gobernos.

En tódolos casos, no documento indícase que primarán os principios de unidade de xestión e solidaridade, de autonomía e de eficacia.

Os criterios programáticos pretenden impulsar gobernos próximos ó cidadán e atopar un modelo de financiación que garanta a suficiencia económica da Administración local.

Ademais, entre os compromisos atópanse os de impulsar unha nova organización administrativa baseada en comarcas e áreas metropolitanas, comprometerse co desenvolvemento rural e impulsar unha política urbanística racional e protectora do medio ambiente.

Sobre o funcionamento dos concellos, o acordo determina que as prioridades serán as políticas de creación de emprego e benestar social, a defensa do medio ambiente e da igualdade, que os municipios colaborarán co Goberno galego, e farán cumprir a lexislación en materia lingüística.

O pacto establece que durante a sesión de investidura, ambas formacións votarán como alcalde ó representante da forza con máis escanos (dos asinantes do pacto). A segunda forza máis votada ostentará a tenencia de alcaldía. A pesar diso, ábrese a posibilidade de excepcións locais, incluso en cidades como Ferrol. O reparto de responsabilidades tamén se fará de acordo cos resultados nas urnas de cada organización.

Comentarios