Un total de 153 aspirantes presentáronse este sábado aos exames de concurso oposición da Xunta correspondentes á categoría de celador na quenda de discapacidade intelectual, o que supón unha participación do 70,18%.
O número de persoas que estaban admitidas para as probas celebradas no Recinto da Feira Internacional de Galicia (Silleda-Pontevedra), eran un total de 218, segundo informou a Xunta. Ao recinto de Silleda acudiu este sábado o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña.
Sanidade destacou que este é o primeiro proceso selectivo no que se habilitou unha quenda de acceso diferenciada para as persoas con discapacidade intelectual, coas pertinentes adaptacións de temarios e tempo de realización das probas, que permiten a concorrencia destes aspirantes en condicións de igualdade ao emprego público, facilitando así a súa integración laboral.
Tamén se habilitaron no exterior do recinto local como salas de espera de familiares e deuse acceso ao interior do recinto a representantes das asociacións que colaboraron para o desenvolvemento das probas, entre elas Fademga, Plena Inclusión e Down Galicia.
Este domingo continuarán os exames de categoría de celador da Oferta Pública de Emprego do Servizo Galego de Saúde, a partir das 15.30 horas, cos aspirantes das quendas de acceso libre, promoción interna e discapacidade xeral, que realizarán todos os exercicios que integran a fase de oposición.
En total, na categoría de celador están citados a fin de semana 10.892 aspirantes para cubrir 390 prazas, 144 corresponden á quenda de acceso libre, 195 á de promoción interna, 21 á de discapacidade xeral e 30 á de discapacidade intelectual.