Topofilia

O xeógrafo Yi Fu Tuan identificou diferentes sentimentos en relación ao lugar, de xeito que distinguiu o de “topofilia” ou simpatía; o de “topolatría” ou sentido reverencial e mítico; o de “topofobia” ou rexeitamento e medo, mesmo aversión, e tamén o de “toponeglixencia” ou desinterese, provocado pola carencia de personalidade do lugar.

Non sei se a vostede lle pasa o que a min: o sentimento que me inspira a cidade adopta unha ou outra inclinación das sinaladas influído polas expectativas frustradas, as alegrías plenas e, en xeral, as vivencias vinculadas á paisaxe circundante de acordo co momento vital propio no que me sitúe.

Polo tanto, creo ter albergado sentimentos como a “topofilia” e a “topofobia”, tamén a “topolatría” e un pouco menos a “toponeglixencia”.

En troques, os que saben -e moito- de “topolatría” son os políticos: tanto aqueles ata hai ben pouco alcaldables coma os novos alcaldes xa con bastón de mando. A eles debémoslle recoñecer ese instinto co que buscan e rebuscan medios –en ocasións proxectos faraónicos- para converter as nosas cidades en lendas vivas.

Non lles chega con afianzar o sentimento reverencial cara aos nosos centros históricos ou cara aos monumentos máis destacados da nosa paisaxe urbana, non: a cidade é -nas mans dos políticos- un mito en si mesma.

Non sei se movidos polo afán de afondar na personalidade dos nosos núcleos urbanos ou polo sincero interese en mellorar as condicións de vida de quen as habitamos, ou polas dúas cousas -ou por ningunha delas-, os recentemente elixidos alcaldes teñen enriba da mesa unha chea de proxectos para seducirnos e dirixirnos cara á simpatía: a “topofilia”, de acordo co xeógrafo chinés.

Desta vez, ten que ser. Non podemos agardar ata as vindeiras municipais para sacudirnos esta “politiconeglixencia” que levamos enriba.

Comentarios