miércoles. 11.12.2019 |
El tiempo
miércoles. 11.12.2019
El tiempo

Tenso debate sobre a CRTVG: Feijóo avala a súa independencia ante ás críticas de En Marea e PSdeG

Luís Villares durante su intervención en el Parlamento. LAVANDEIRA JR.
Luís Villares durante su intervención en el Parlamento. LAVANDEIRA JR.

Leiceaga esixe cumprir a lei dos medios públicos e Villares afea a "Alberto Putin Feijóo" a "manipulación" 

En Marea e PSdeG levaron este mércores á sesión de control do pleno a "manipulación" da CRTVG e esixiron que se "cumpra a lei" aprobada hai sete anos provocando un debate que derivou nun tenso enfrontamento dialéctico protagonizado polos portavoces de ambos grupos e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen defendeu a "independencia" dos medios públicos e reivindicou a súa audiencia. 

636735616711686491w"A TVG é independente. Se o director toma algunha decisión, que compareza no Parlamento. Eu non asumo as decisións do director en materia de persoal, até aí podiamos chegar", advertiu Feijóo, quen apuntou que é el, Alfonso Sánchez Izquierdo, quen se encarga da selección, nomeamentos e cesamentos dos profesionais dos medios públicos. 

Dito isto, sinalou que a TVG encabeza, despois de TV3, o liderado das canles públicas autonómicas e proclamou que "iso é o importante": a audiencia e "o respaldo" dos galegos. De feito, acusou á oposición de minusvalorar os galegos por considerar que seguen uns medios "manipulados" cando "cun clic" poden cambiar de canle. 

El líder de En Marea caricaturizou a Feijóo como un exótico presidente que nin ve nin escoita a radio nin a televisión galegos

Feijóo tamén atacou á oposición por levar a situación da CRTVG á Cámara tras o feito por "PSOE e as mareas de Podemos" con RTVE. Nos medios públicos españois, denunciou as "purgas" e advertiu aos socialistas que non está disposto a "copiar" este modelo nin a converter a TVG "na Tuerka". 

"O modelo de TVE non é o modelo serio, independente e profesional da TVG", proclamou Feijóo, a quen Xoaquín Fernández Leiceaga (PSdeG) e Luís Villares (En Marea) afearon a "manipulación" dos medios públicos galegos denunciada polos profesionais da casa en 18 'venres negros' consecutivos.

"ALBERTO PUTIN FEIJÓO". Villares caricaturizou a Feijóo como "un exótico presidente que nin ve nin escoita a radio nin a televisión galegos". "Será que ve Rusia Today", ironizou, antes de engadir que a "persecución" que "sofren os xornalistas" da CRTVG só existe en países "como Turquía ou Rusia". Así as cousas, definiu ao presidente como "unha especie de Putin á galega, Alberto Putin Feijóo, o tsar dos Peares". 

Leiceaga critica "a privatización máis aló dos límites legais" e que se abra "expediente a xornalistas críticos"

636735617317463872wPola súa banda, Leiceaga alertou do "incumprimento premeditado, contumaz e desleal" da lei da CRTVG e reivindicou a elección do director do ente no Parlamento, e outras cuestións, como o consello de informativos ou a creación do estatuto do profesional, para acabar coa "manipulación política dos informativos".  De feito, criticou que se sumiu ao ente nunha situación "excepcional" que derivou en que o comité de empresa acabe "asumindo as funcións contra a manipulación informativa", premisa que debería estar vinculada cun consello de informativos. 

Leiceaga alertou de que "a privatización avanza máis aló dos límites legais" e criticou que se abra "expediente a xornalistas críticos", en alusión ao caso de Tati Moyano. Máis tarde, Villares tamén censurou que se expedientase á presentadora por "usar un pintalabios da TVG" antes da presentación dunha gala contra o cancro. 

"E mandouna expedientar. Non se pode ser máis cutre, máis vengativo e máis machista", acusou Villares, antes de ironizar, nunha intervención posterior con que "os tsares nunca foron feministas". O líder rupturista puxo o foco en tres casos de "manipulación" nos medios públicos e aludiu á tardanza en informar da vaga de incendios de outubro do ano pasado, e ao tratamento das sentenzas da Gürtel e da Campión.

Feijóo a Villares: Xa lle gustaría ter a metade da metade da metade da valoración que ten a TVG entre os galegos

ANA ROMANÍ. Previamente, Villares arrincara a súa intervención cun recoñecemento a Ana Romaní, "profesional extraordinaria e directora do Diario Cultural, unha paradigma de pluralidade, innovación e produción propia", que gañou o Premio Nacional de Xornalismo Cultural de 2018. "O máis patético é que vostede non sabe quen é, porque é o exótico presidente que presume de non ver a televisión nin escoitar a radio do seu propio país. Ana Romaní é unha vítima da súa brutal represión exercida sobre a creación cultural libre", trasladou a Feijóo, quen ironizou co "cogoberno de PSOE e mareas de Podemos". 

Feijóo manifestou a súa sorpresa polo feito de que tanto o PSOE "como as mareas de Podemos" leven á Cámara a situación da CRTVG sen que lles "importe" o "espectáculo" de RTVE. Tamén ironizou con que Villares lle diga que "non coñece" a Ana Romaní. "Parece que son capaz de nomear e cesar a xente que descoñezo", dixo. 

O presidente galego engadiu que Podemos "non existiría sen a manipulación" e preguntouse se Villares pretende "que a TVG sexa La Tuerka galega". Advertiu que non será así porque a TVG está "chea de profesionais que a fan líder de audiencia".

O presidente galego afirmou que Podemos "non existiría sen a manipulación"

Para os profesionais pediu Feijóo "un pouco de respecto" e, após queixarse dos "insultos" de Villares, indicou que se el fose director da CRTVG poría "as súas comparecencias íntegras". "É unha pena que non me faga caso", incidiu, antes de rexeitar "cambiar de director" dos medios públicos cada vez que varían "os líderes" da oposición. 

"Xa lle gustaría ter a metade da metade da metade da valoración que ten a TVG entre os galegos. Non lle dá vergoña cuestionar a independencia da TVG despois da gran cacicada de TVE?", seguiu Feijóo, quen precisou que, aínda que non vexa a televisión por "axenda", si está "informado" xa que "le" os informativos de todas as canles. 

"Cre que non estou informado do que fan as mareas de Podemos? Igual mellor que vostede. Se quere ter información do que vai ocorrer, fale comigo", retou Feijóo, quen insistiu en que desexaría que os medios públicos emitisen "24 horas" sobre En Marea porque así habería episodios de "terror, humor e mesmo policíacos". 

Tenso debate sobre a CRTVG: Feijóo avala a súa independencia ante...
Comentarios