''La fama por la fama es algo que me repugna bastante''

Tamar Novas (Santiago, 1986) comezou nisto do cine con 12 anos, pero asegura que él non é un Macaulay Culkin, nin moito menos. Foi 'Mar adentro' e na travesía gañou un Goya, pasaporte para traballar con Almodóvar en 'Los abrazos rotos'. En Madrid, pero con morriña de Compostela, prosegue a súa carreira, agora cun proxecto teatral entre mans.

Pregunta: Como o descobre José Luis Cuerda?

Resposta:
Eu estudiaba no colexio La Salle de Santiago e viñeron facer un cásting para varios personaxes infantís. Lembro que lín unha poesía de Antonio Machado para un papel bastante menor na película. Despois chamáronme para facer outra proba, xa co director e co outro rapaz que ía protagonizar 'A lingua das bolboretas', e gusteilles para o papel do colega do neno protagonista.

P: Precoz, coma un neno prodixio…

R: Non, non. Se por neno prodixio se entende a alguén como Macaulay Culkin, pois creo que non son dese estilo. (Ri).

P: Pensaba de adolescente en que ía vivir da interpretación?

R: Creo que entón non coñecía que existía a posibilidade de gañarse a vida como actor! Iso si, desde moi novo facía obras de teatro na escola e gústabame facer bastante o paiaso, pero o descubrimento como profesión foi n’A lingua das bolboretas. Logo diso foron saíndo cousas non buscadas, tamén así por casualidade, mesmo en televisión, pero significaba perder tempo da miña vida escolar e cos colegas. Era moi novo e xunto cos meus pais decidín non facelo. Tampouco tiña unha formación nin un coñecemento do oficio, polo que non pensaba en ser actor.

P: E nestas chega 'Mar adentro'…

R: Daquela, con 15 e 16 anos, xa quería volver traballar no cine e tamén me gustaba moito Amenábar. Cando me chamaron para facer un cásting para unha película del e con Javier Bardem dixen 'isto ten que ser unha broma'. Era como un soño oculto que tiña. Imáxinate, estaba en cuarto da ESO ou 1º de BAC.

P: Non debe estar mal ter de mestres a Javier Bardem e Belén Rueda, entre outros…

R: Foi unha experiencia moi persoal, como atopar unha familia, xa non só cos actores, senón tamén co equipo. Era unha forma de vida e un ambiente no que eu estaba feliz. Nesa película pasaba algo... algo especial. Cando se estreou xa me dixeron que non pensara que ía atopar isto toda a vida. Eu vivía a historia do guión, a da familia Sampedro, habitaba neses espazos.

P: Que significou o Goya a actor revelación?

R: Foi especial porque significou ser aceptado pola xente da profesión. Cando din 'imos premiar este traballo' sentín que fixera algo que profesionalmente valía. Era moi novo e tiña moito descoñecemento do tema, pero cando che dan o premio pensas 'coño, gustoulles'.

P: E Tamar Novas pasa a estar en boca de todos…

R: De súpeto saes nos xornais, mándanche telegramas os políticos, comézate a saudar xente que non coñecías de nada... Dáche a sensación de estar nun globo, de ser unha figura e non unha persoa. Eres o feito da noticia, o acontecemento, e tendo 17 anos é bastante forte. Síntome afortunado de vivir iso e de telo asimilado, porque houbo algún momento no que recoñezo que non sei por onde andaba a miña cabeza.

P:
Coa fama non se leva moi ben...

R: A palabra fama, é dicir, a fama pola fama, repúgname bastante. Pasoume unha anécdota moi desagradable cando sendo menor de idade me vin nunha portada dunha revista desas chamadas do corazón. Nese momento decidín denunciar e gañei o xuízo. Quizais hoxe, se me pasa algo así, pois non lle dou máis voltas, pero daquela consumiume bastante enerxía. Sentíame nun ámbito no que me repugna estar e nunha esfera nada interesante, nin como espectador nin como protagonista.

En Madrid, no epicentro da escea

P: Salta á televisión en 'A vida por diante'. Colleulle gusto ás historias tristes do mar?

R: Estaba estudiando Comunicación Audiovisual en Santiago e preparándome para estudiar tamén interpretación e chegoume a oportunidade de traballar nesta serie da TVG. Foi unha escola fantástica, porque eu chegaba verde verde, sen as táboas necesarias, e tamén aprendín outro ritmo, o da televisión, que é distinto.

P: Cando decide marchar a Madrid?

R: Comecei a estudar interpretación en Santiago na escola Espazo Aberto e estiven dous anos. Cando estaba en cuarto de carreira decidin pedir unha beca para rematala en Madrid e aproveitei para ingresar na escola Juan Carlos Corazza, recomendada por Javier Bardem.

P: Por que fuxen de Galicia actores coma vostede, Martín Rivas ou Sara Casasnovas?

R: O que está claro é que hai máis traballo en Madrid que aquí, pero tamén hai moita máis xente. Non sei se para triunfar hai que marchar, aínda que tampouco é algo que me interese moito. Para atopar traballo cada un ten as súas preferencias e eu decidínme porque en Madrid hai unha oferta cultural e unhas oportunidades de formación que aquí non coñecía. O certo é que hai casos de quen foi fóra e volveu e atopou traballo en Galicia e ao revés.

P: Bótase de menos a terra?

R: O meu soño é poder traballar no que me apeteza, como se é fóra de España, pero ter como centro Santiago. O máximo que podo pasar en Madrid sen vir pasar polo menos dous días a Galicia son catro meses!

Con Almodóvar e en portada de revistas
P: Un bo día soa o teléfono e é Pedro Almodóvar. Ponse un coma unha muller ao borde dun ataque de nervos?

R: (Ri) Ben, o primeiro é que Almodóvar non chama directamente, pero cando me dixeron que podía facer unha proba con él, pois púxenme ao borde dun ataque de nervos total. Pero logo tés que baixar á terra e dicir 'teño que facelo o mellor que poida aínda que probablemente non me collan'. Iso si, cando confirmaron que ía estar na película estaba máis nervoso aínda. Púxenme a correr pola rúa, non sabía que facer, chamaba aos meus pais, á familia, fun ata a oficina da miña axente para abrazala! Púxenme bastante tolo nese momento.

P: É Almodóvar tan excéntrico rodando como parece pola súa imaxe?

R: De Pedro, antes de coñecelo, pensaba que era un xenio e cando o coñecín comprobei que era un xenio. Excéntrico? Non sei. Unha persoa e un director especial, si, porque consigue moita maxia, que é o máis difícil de acadar na arte, en xeral, e no cine, en particular.

P: Con 'Los abrazos rotos' chega a ser portada da Revista Zero. Quen elixiu a 'atrevida' chaqueta coa que sae?

R: Se non me lebro mal creo que é de El Ganso e elixírona os da revista. Daquela Zero facíanos moitas reportaxes e a min poñíanme roupa de todo tipo. Houbo un momento no que comecei a non dicirlle 'si' a calquera roupa, pero no caso desta revista si que me parecía 'chula'. O que non sabía é que ía saír en portada! Trátase dun referente no ámbito homosexual e hai xente que o toma como 'ui, que sorpresa!', pero para min foi cotidiano. Ser portada dunha revista nacional sempre ten graza, pero non pasa dunha anécdota.

P: Tamén foi elixido por unha web en 2010 como un dos galegos máis 'sexis'. Pensa que pode converterse nunha icona gai, como Alaska?

R: Non, non (ri). Creo que como Alaska imposible! En calquera caso, nunha cuestión de imaxe coma esta, eu estou encantando de que se fixen en min, pero non son unha icona gai nin unha icona heterosexual. Vaia, que non son unha icona! (máis gargalladas)

''Descargas? Son fetichista e compro bastante dvd''
P: Voltando á seriedade. Rodou con Cuerda, Amenábar e Almodóvar. Con que outro director español lle gustaría traballar?

R: Hai moitos. Con Julio Médem, Itziar Bollaín, Fernando León de Aranoa…

P: E dos de fóra?

R: Encántame os Coen e do cine máis clásico, dos que quedan, Scorsese. É o que máis me gustaría coñecer e traballar. Pero tamén me gusta Woody Allen e dos europeos, por exemplo, Fatih Akin. Non sei, son bastante cinéfilo e gústanme moitos directores.

P: Está no sofá, un domingo sen nada que facer. Que elixe, cine de Hollywood ou algunha máis independente?

R: A risco de ser tópico, nunca lle digo que non a ver 'El Padrino' outra vez.

P: Descargada ou orixinal? Dígoo polo da Lei Sinde…

R: Son bastante fetichista e compro bastante dvd. Da lei, pois non coñezo exactamente os apartados, pero penso que hai que atopar unha fórmula coa que se protexan os dereitos dos creadores e que ao mesmo tempo se poida compaxinar co dereito á liberdade das webs e dos internautas. Supoño que se hai tanta confrontación é porque a propiedade intelectual non é fácil de lexislar. Pero é fundamental protexer o traballo duns autores que necesitan as ventas para vivir. Se non imos perder a oportunidade de ver obras xeniais.

P: En que está a traballar agora?

R: En 'Comedia y Sueño'. Non é un proxecto teatral como a maioría, que estás ensaiando tres meses e despois fas xira. Está máis ben concibido como un traballo de investigación sobre a obra 'Comedia sin título o el sueño de la vida' de García Lorca, que ademais mestura parte de 'Sueño de una noche de verano', de Shakespeare. Ten o apoio e produción da Fundación García Lorca e o Estudio Corazza. Están actores e actrices como Alicia Borrachero, Manuel Morón, Isabel García Lorca, Juan Godino, Ana Gracia... Presentámola en Granada a principios de febreiro.

Comentarios