Suso Díaz: "Nin a Yolanda nin a min nos cabe na cabeza a precariedade laboral"

"Hai que felicitarse, pero sen pasarse", di o histórico sindicalista ferrolán —exsecretario xeral de CC.OO. Galicia— cando lle preguntan pola meteórica carreira política da súa filla, Yolanda Díaz. Da nova vicepresidenta destaca a súa capacidade para traballar e crear equipos, di que o está facendo ben e desexa que algún día volva a Galicia.

Case é máis famoso agora por ser pai de Yolanda Díaz que cando dirixía Comisións Obreiras? 
Non tanto, non tanto [ri]. Naqueles tempos que era secretario xeral de CC.OO. saía moito na prensa. Bastante máis do que saen hoxe os sindicatos! 

EL PERIODISTA E IMPULSOR DE LA INICIATIVA, XOSE MANUEL PEREIRO (C), MIEMBRO DEL GRUPO RADIO OCEANO, EN LA PRESENTACION DE LAS JORNADAS Bromas aparte. Que sentiu cando soubo que a súa filla ía ser vicepresidenta de España? 
Unha gran satisfacción, por suposto. Pero tampouco hai que darlle tanta importancia porque son cousas da vida. Quero dicir que era impensable para min que ía ter unha filla ministra, como tampouco nunca pensei que eu sería secretario xeral de CC.OO, nin creo que Pedro Sánchez pensara nunca que ía ser presidente do Goberno. É a vida a que nos conduce polos camiños e a Yolanda tamén a levou a vida por aí sen pensalo nunca. Quero dicir que está moi ben que sexa vicepresidenta e hai que felicitarse, pero sen pasarse. 

Con que palabras a definiría? 
É unha muller moi constante, coherente, que coñece ben todo o mundo e a lexislación laboral e moi traballadora. Destacaría moito que sabe traballar en equipo e creo que os éxitos que está colleitando no ministerio son consecuencia de ter un equipazo. 

Que pode achegar Yolanda Díaz a este Goberno e a este país? 
Vai cambiar a reforma laboral e establecer unhas relacións laborais modernas e respectuosas cos dereitos humanos, e esa será unha gran conquista. Neste país, no que tanto se discute se hai democracia ou non, non se pode permitir a actual lexislación laboral, coa precariedade dominando un entramado que é impresentable. Estas cousas non pasan no resto de Europa, só pasan aquí. 

A que se refire? 
Con respecto á contratación, o dereito laboral di que hai que respectar o principio de causalidade, que significa que un emprego permanente nunha empresa ten que ser ocupado por un contrato fixo, mientres que o contrato temporal é para aquel emprego que non é permanente. Non respectar este principio é unha perversión e, entón, falar de que existe democracia no dereito laboral en España é unha falacia. Un traballador precario nin sequera pode exercer os seus dereitos, a súa dignidade, non pode pedir máis salario ou que o legalicen porque se o fai, despídeno. A min iso non me cabe na cabeza e a Yolanda tampouco. Foi Felipe González quen rompeu ese principio de causalidade coa primeira gran reforma laboral deste país no ano 1984, abrindo a porta a que unha empresa puidese usar contratos temporais para cubrir empregos permanentes. 

Supoño que a vicepresidenta mamou na casa o sindicalismo. 
Claro! Na miña casa había reunións frecuentes para ver que ocorría en Astano, facíanse octavillas... E como tamén me dedicaba ao mundo cultural viñan pola casa Alonso Montero, Uxío Novoneyra... Yolanda estaba alí e vía todo iso. E aínda que sexas unha nena e parece que non percibes nada diso, todo queda marcado. Seguramente por iso estudou Dereito e se dedicou ao dereito laboral. 

E volverá Yolanda Díaz a Galicia tentar ser presidenta da Xunta? 
Supoño que iso é falar de ciencia ficción! Pero a min si que me gustaría que viñese para Galicia, de política ou do que fora. Vou confesar algo: cando decidiu marchar do Parlamento galego para o Congreso a min non me gustou nada [ri]. Estábao facendo moi ben aquí e non o entendín naquel momento, aínda que imaxino que foron presións de Iglesias e Garzón. Por sorte, logo no Congreso tamén o fixo ben. Pero que volva a Galicia! Do que queira, pero que volva. 

Yolanda vai cambiar a reforma laboral e fixar unhas relacións modernas e respectuosas cos dereitos humanos

Vén moito por Galicia ou xa se asentou de todo en Madrid? 
Na pandemia veu moi pouco porque estivemos perimetrados. Pero antes de todo isto si que viña case todas as semanas. 

É certo que aínda lle pide consellos de cando en vez? 
Os consellos xa llos dá o equipo que ten. Nós facemos comentarios, falamos, dígolle o que penso e listo. Pero non son consellos, só conversas nas que dou a miña opinión. 

Vostede tamén fixo incursións na política, pero a última xa foi en 2015, coa plataforma Iniciativa pola Unión (IpU). Quedou escaldado ou aínda o atrae ese mundo? 
Eu milito en Esquerda Unida e no Partido Comunista de Galicia, son directivo da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña e pertenzo a SOS Sanidade Pública, así que lle garanto que non me aburro nada [ri]. Ben, abúrrome agora por esta dichosa pandemia, pero o que procuro é ter actividade. E confeso que, por exemplo, o traballo na plataforma da sanidade ou na memoria histórica era algo que nunca fixera pero que me atrae moito. Facer política desde o ámbito social é moi intersante e novidoso para min; escapa do clásico mundo político e sindical. 

En 2015 vostede pedía cun grupo de xente unha candidatura unitaria á esquerda do PSOE, de nacionalismo, federalismo e comunismo, para derrotar a Feijóo. Aínda cre que esa unidade é a única forma de desbancar o PP en Galicia? 
Pois eu creo que si e sempre defendería a unidade. Moitas veces dise que se non fose pola barreira do mínimo do 5% dos votos para obter representación a esquerda sumaría, pero eu creo que non vai por aí a cousa. Cando hai un movemento unitario esa unidade non suma, multiplica. E iso pasou, por exemplo con Age, que pasou da nada a 9 deputados nacionalistas e non nacionalistas. Se eses partidos se presentasen en solitario sen a barreira do 5% a suma sería ínfima. Xa non é que non sumes nin multipliques, é que alimentas que a xente manteña iso de que «os de esquerdas van divididos como sempre». Eu son partidario sempre da unidade na esquerda como alternativa, sobre todo nunha Galicia onde o PP é tremendo. 

Como ve o panorama político? 
Moi diferente ao da miña época. Creo que agora mesmo só hai que ver os parlamentos para descubrir cousas atroces como eses discursos da descualificación pola descualificación, sen que se expoña que tipo de sociedade quere cada partido. E xa non o digo só por parte de Vox, senón do PP, onde a Casado non se lle escoita nin un só proxecto: só pórse sistematicamente en contra do Goberno sen dar alternativa. Penso que antes os partidos tiñan proxectos para a sociedade e dábanse eses debates en Galicia e España; eran debates de altura. Penso que a situación hoxe é mala en todos os lados, pero peor aínda no Estado que en Galicia. 

E que tal o fai o Goberno? 
Este Goberno central polo menos está intentando paliar os efectos negativos dunha crise xurdida coa pandemia e que é moi gorda. E en certa medida penso que o está conseguindo. Se se aplicasen as mesmas receitas políticas da crise de 2008 estariamos amañados. Sería un desastre! 

Aínda que vive en Oleiros, imaxino que non deixará de mirar de reollo a Ferrolterra, que vive en crise permanente. 
Houbo tantos gobernos que foron totalmente inxustos con Ferrolterra! É un problema que vén dos anos 80 coa construción naval, un sector moi importante para Ferrol. Pero xa se sabe que cando hai unha crise non hai construción de barcos e como toda a zona dependen en maior ou menor medida diso xérase un problema en toda a sociedade. Desde os sindicatos demandamos sistematicamente manter os estaleiros, pero tamén diversificar a industria para que cando o naval entrase en crise non fose unha catástrofe. Pero hoxe segue pasando e cada vez que non hai barco entra a crise e non hai remedios alternativos, porque todo o mundo en Ferrol, do comercio aos bares, vive dos estaleiros. 

Vostede milita no PC. Aínda hai en España medo ao comunismo? 
Non o sei. O que expón Ayuso de comunismo ou liberdade é unha tolemia coa que cre que concentrará os seus votantes asustando a algunha xente. Pero neste país ninguén está pensando hoxe no comunismo, non é un debate real, senón que a xente pensa en como saír disto, en ter emprego estable, un salario e vivir dignamente. 

E a vostede, que estivo no cárcere e sufriu a represión franquista, dálle medo Vox? 
Por suposto que me preocupa. É volver ao pasado e esa historia, para a xente da miña idade que xa vivimos e sufrimos iso, é preocupante. E pasa en máis países, onde gobernos como os de Hungría ou Polonia están tomados xa por partidos como Vox. Pero non vexo gran preocupación no goberno da UE nin na sociedade por ese ascenso da extrema dereita. Supoño que non volverán coa escopeta nin con tiros, pero son igual de nocivos polos cambios que están introducindo.

Comentarios