A sucesión de Baltar 'non toca agora'

Quen pensara que a retirada de Baltar era cuestión de tempo, está equivocado. Opresidente do PP en Ourense asegurou que o seu proceso de sucesión "non está aberto" e que "agora non toca" porque "a situación do partido non é boa" tralos resultados das eleccións do 27-M.

"Non abandono o barco cando ten problemas", e para Baltar "o barco agora ten problemas". Profundizando na metáfora, o presidente en función da Deputación de Ourense explicou que "abandonarei cando o barco vaia ben e non necesite de min para nada".

Malia a súa intención, o dirixente popular tamén quixo deixar claro que se o PP cre que  "pode navegar mellor alixeirando a carga que podo representar" non dubida en abandonar a presidencia en Ourense en calquera momento.

Aínda que non hai un posible substituto oficial para Baltar, si "van xurdindo figuras e eu as potencio" no camiño da sucesión. Entre elas, atópase o alcalde en funcións do Concello de Ourense, Enrique Nóvoa, quen para Baltar está na "grella de saída" e ratificou que o designará vicepresidente primeiro da Diputación de Ourense ademais de manterse como líder da oposición no Concello de Ourense.

Baltar referiuse tamén ás declaracións do coordinador provincial do PSOE en Ourense, Manuel Vázquez, quen sinalou que o PP estaba nun "proceso de descomposición" en Ourense ante a "fin do baltarismo".

O dirixente popular non comprende que Manuel Vázquez "estea exultante" e fale da fin do PP cando na cidade de Ourense "mételle 13 concelleiros a 8" e ademais "gañou as eleccións na provincia de Ourense" o PP.

Baltar, gañador nato

Para Baltar, en Ourense hai dúas formas de entender a política: "os gañadores natos e os perdedores natos". Nese sentido, indicou que "eu gaño as eleccións e os resultados non os considero satisfactorios" e Manuel Vázquez "pérdeas e está contento".

Baltar sinalou que "nunca existiu unha corrente de baltarismo" na provincia de Ourense nin no PP, pero lle recordou que "eu gañei todas as eleccións a nivel provincial ao PSOE" tanto "aos que estaban antes que el como a el".

O barón popular rexeitou unha suposta utilización do alcalde en funcións de Ourense para rematar a liña de Cabezas no PP ourensano como sinalou Manuel Vázquez. Baltar pediulle que "se ocupe do seu partido", que "bastantes enanos lle crecen para resolver os problemas".

Comentarios