"Somos a única garantía de que en Galicia se fagan políticas diferentes"

Antón Gómez Reino, candidato de Galicia en Común-A Nova Mareas á presidencia da Xunta, asegura que a maioría de Feijóo "pende duns milleiros de votos" e que se logran mobilizar o electorado progresista haberá cambio o 12-X
Antón Gómez Reino. PEPE FERRÍN
photo_camera Antón Gómez Reino. PEPE FERRÍN

O panorama mudou desde o 5-A pola pandemia. Mudaron tamén as opcións de Galicia en Común?

As opcións de cambio político están intactas. Os datos falan claramente de que nos últimos procesos electorais no noso país houbo maioría do bloque progresista, así que se a xente vai votar o 12-X teremos un Goberno de Galicia en Común co resto de forzas de esquerda. A clave é que a xente recoñeza a importancia destas eleccións, que son plebiscitarias entre dez anos dun modelo de inacción, falta de autogoberno, recortes e privatizacións; ou a posibilidade de abrir un tempo diferente onde toda Galicia se sume ao cambio de ciclo con gobernos de esquerda. Cun PP sen apenas poder municipal nin provincial, toca acabar co único vestixio que queda do fraguismo: Alberto Núñez Feijóo.

Todas as enquisas coinciden nunha maioría do PPdeG?

A estas eleccións imos cun horizonte definido e cun espazo consolidado. Somos unha forza de goberno que xa temos un currículo e a xente sabe que cumprimos, como fixemos coa suba do salario mínimo, por exemplo. Na próxima Xunta é clave unha presenza forte de Galicia en Común para que ese Goberno faga políticas realmente transformadoras e diferentes. Quédannos menos de tres semanas para chegar a cada recuncho do país.

Vexo entón que non confía moito nas enquisas.

Hai que ser precavidos con elas. O que din as enquisas é que o feito de que Galicia en Común teña dous ou tres escanos máis é a clave para acabar coa maioría de Alberto Núñez Feijóo, que vai pender de moi poucos milleiros de votos.

Que queda da En Marea de 2016 no seu actual proxecto?

É evidente que nós somos o referente do que foi a segunda forza política en Galicia hai catro anos e que gobernou diferentes cidades. Tivemos un proceso de maduración moi rápido e agora somos, de feito, a única forza netamente galega da historia que senta nun Consello de Ministros con Yolanda Díaz, unha figura clave para que a saída desta crise económica e social do coronavirus sexa claramente pola esquerda.

"Ao PPdeG apenas lle queda poder local e provincial; toca acabar co último vestixio pendente do fraguismo que é Feijóo"

Que opinión lle merecen os excompañeiros da Marea Galeguista?

Non falo doutras organizacións.

Como será a campaña de Galicia en Común?

Pois de patear o país de arriba a abaixo. É fundamental que a xente entenda que o 12-X ten que ser un xuízo popular a dez anos de recortes, privatización e corrupción do PP de Feijóo. Faremos campaña cos candidatos e con outros referentes do noso espazo, como os exalcaldes Xulio Ferreiro e Jorge Suárez; históricos como Beiras e os nosos representantes no Goberno do Estado. Estamos ante unhas eleccións históricas nas que nos xogamos o noso autogoberno ante un Feijóo que leva dez anos destruíndo o futuro de Galicia.

Cales son as claves do programa?

Non está pensado para ser un programa electoral senón para gobernar. É un proxecto de país con catro eixos fundamentais. O primeiro é a recuperación dos dereitos tras dez anos moi duros de Feijóo. O segundo é reforzar os servizos públicos, que é o que máis preocupa á xente, especialmente sanidade e educación. O terceiro eixo ten que ver coa economía e con dar un xiro de 180 graos ao modelo produtivo do noso país, así como xerar emprego de calidade. E por último algo que ten que ver co momento no que vivimos: é imprescindible facer unha Galicia sostible ao 100%.

"Somos a única forza netamente galega da historia que senta nun Consello de Ministros, coa presenza de Yolanda Díaz"

Teme que o coronavirus monopolice a campaña?

Hai debates fundamentais que hai que poñer sobre a mesa na campaña. Hai poucos anos, e poucos meses incluso, se faláramos de implantar o ingreso mínimo vital ou de mobilizar inxentes recursos económicos para financiar os Erte para traballadores e pemes moita xente, especialmente as dereitas máis conservadoras, porían o grito no ceo. Hoxe é un debate necesario. Así que se falamos de coronavirus na campaña hai que falar do modelo de produción, do modo de vida, dos coidados e os servizos públicos, do tipo de protección social, do sistema de traballo para os nosos fillos...

Aproba a xestión da Xunta nesta pandemia?

Eu á Xunta doulle un non comparecido. Outros gobernos autonómicos executaron e aplicaron as súas competencias mentres a Xunta estivo absolutamente inactiva, salvo para golpear a outras administracións. Afortunadamente, grazas aos traballadores públicos puidemos superar esta situación. Agora toca reconstruír o país, pero aquel que nos levou á peor situación posible no que ten que ver cos servizos públicos está totalmente incapacitado para pilotar o proceso de recuperación. O señor Feijóo utilizou 80 días de pandemia para facer a súa precampaña e non recolleu nin unha das propostas que lle fixemos desde a oposición.

Actuou tarde o Goberno central?

É evidente que ningún goberno e ningunha organización podía prever a situación. Eu estou orgulloso do Goberno e a maior parte da cidadanía sabe que non actuou guiado por intereses partidarios nin pensando en beneficios políticos senón atendendo aos profesionais, científicos, técnicos e autoridades sanitarias. Non me imaxino como sería esta situación se gobernase a dereita.

"O gran mudo, cego e ausente no caso de Alcoa é o señor Feijóo"

Vostede compaxina política galega e estatal. Hai demasiado ruído en Madrid?

Eu creo que, desgrazadamente, desde a entrada da extrema dereita no ámbito parlamentario hai moito ruído e moi interesado. O sorprendente é que o PP non só siga esa mesma estratexia senón que en moitos casos parece que a intenta incluso superar, vendo a Casado ou Álvarez de Toledo. O mandato da cidadanía neste momento é claro: amplos consensos. A dereita tentou facer descarrilar un Goberno de coalición pero a lección que quedou é moi clara: ese Goberno está consolidado, ten un horizonte definido e vontade de permanencia.

Se volve gobernar o PPdeG, marchará de novo a Madrid?

En absoluto. Xa o dixen: todo o meu interese, esforzo e traballo nos vindeiros anos está enfocado en Galicia. Empecei en política institucional en 2015 e o noso obxectivo fundamental non era a política municipal ou a estatal, senón cambiar o país dunha vez por todas desde o Goberno da Xunta.

Ten solución Alcoa ou xa é demasiado tarde?

Sempre a hai cando se ten determinación. Hai semanas que lle pedimos ás dúas adminstracións competentes implicación e colaboración para resolver este asunto. Vemos por unha parte que o Ministerio de Industria traballa para solventar a situación cunha proposta clara e hai que continuar ata garantir si ou si os máis de 500 empregos que hai en xogo en A Mariña. Pero por outro lado vemos o grande ausente, o gran mudo e ata parece que cego, o señor Feijóo, que leva dez anos sen aplicar o artigo 30 do Estatuto de Autonomía, que lle dá plenas competencias en materia de política industrial á Xunta. Se de aquí ao 12-X non hai solución para Alcoa, o primeiro que faremos ao chegar á Xunta será chamar a todas as partes implicadas para arranxar esta problemática.

Un prognóstico para o 12-X?

O meu prognóstico é que veñen dúas semanas nas que imos deixar a pel para mobilizar os galegos e estou convencido de que volveremos dar exemplo como pobo e acabar co decenio negro de Feijóo. Igual que Fraga parecía invencible e non o foi cando houbo unha mobilización importante, necesitamos este 12-X que se mobilice a cidadanía que quere un cambio político.

Comentarios