Sogama en cifras

Tratar máis de medio millón de toneladas de residuos urbanos e recuperar 13.500 toneladas de materiais son as cifras coas que Sogama aspira a pechar o exercicio anual de 2007. Explicouno hoxe o presidente da sociedade, José Álvarez, na presentación da Memoria de Sostibilidade de Sogama.

Durante o ano pasado, Sogama rexistrou un incremento do 8% na cantidade de residuos xestionados e produciu máis de 485.000 megavatios por hora de enerxía, dos cales se exportaron 425.000 megavatios, mentres que os restantes os consumiu a propia planta.

Na outra cara, a planta de incineración de residuos emitiu en 2006 á atmosfera 304.000 toneladas de dióxido de carbono derivadas da combustión. Produciu ademais 30.538 toneladas de residuos perigosos.

Para 2007, Sogama proxecta abrir unha nova planta de transferencia de residuos no municipio de Sarria e ampliar a capacidade actual das naves de Riotorto, Curtis, A Lama e A Cañiza. Tamén está previsto que se poña en marcha a planta de transferencia de Ortigueira.

Sogama
A Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) foi creada en 1992 como empresa pública autonómica para xestionar os residuos sólidos urbanos.

Baséase no sistema de incineración de residuos orgánicos para producir enerxía eléctrica, tras unha previa separación dos materiais reciclables. A aposta do anterior Executivo autonómico pola incineración en lugar de pola compostaxe creou un gran debate social e político sobre a mellor forma de xestionar os residuos sólidos urbanos. O actual Goberno galego manifestou que, pese a non abandonar o modelo de Sogama, fará unha aposta polo modelo de compostaxe.

Sogama é unha empresa mixta participada no 51% pola Xunta de Galicia e no 49% por Unión Fenosa. Na actualidade, Sogama conta con 20 plantas de transferencia, ademais do complexo de tratamendo de Cerceda.

Comentarios