Socialistas e nacionalistas asinan hoxe o seu 'acordo marco' para os concellos

O secretario xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, e o portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, firman hoxe o acordo marco alcanzado para sentar as bases dos futuros pactos locais. No acto tamén participarán o secretario de Organización do PSdeG, Ricardo Varela e o coordinador executivo do BNG, Francisco Jorquera.

Neste acordo contémplase impulsar o galego nas administracións locais, poñer en marcha políticas de creación de emprego e reservar entre un 30 e un 40% de solo para vivenda protexida, ó tempo que se establecen dous referentes políticos nos concellos materializados na figura do alcalde (a forza máis votada) e o tenente alcalde (a segunda máis votada).

O secretario de Organización do PSdeG, Ricardo Varela, sinala que este acordo “non é encorsetado”, xa que dependerá das negociacións que se produzan en cada concello onde haberá autonomía. O portavoz do BNG, Anxo Quintana, tamén matizou que este “acordo nacional” deixa marxe para establecer excepcións.

Respecto a Lugo e A Coruña, cidades nas que se prevén máis problemas para aplicar o acordo marco, Varela advirte de que as coalicións “serán froito do esforzo por ámbalas dúas partes” e de que PSdeG e BNG teñen a obriga de “buscar un espazo de acordo e gobernabilidade”.

A por 70 concellos
Unha vez que os dirixentes socialista e nacionalista subscriban o pacto, as dúas organizacións deben apurar os pactos nas cidades, pero tamén en máis de 70 concellos, antes do próximo sábado, xornada na que se conforman as corporacións municipais. 

Malia que se agardou ó acordo marco, o certo é que en moitos lugares as negociacións están avanzadas. En cidades como Pontevedra, Ourense e Vigo, onde os futuros alcaldes e tenentes alcaldes xa mantiveron encontros, pendentes de determinar o reparto de áreas. No caso de Santiago, está convocada unha comisión negociadora local para hoxe mesmo.

O caso particular é o de Ferrol, onde o PSdeG debe chegar a un acordo con Izquierda Unida, mesmo se é posible que o BNG se incorpore ó goberno municipal. 

Comentarios