Os sindicatos piden retirar o protocolo de Educación e abandonan a negociación

A Xunta considera "irresponsable" a súa actitude
Desinfección en las aulas de Marzán. EP
photo_camera Desinfección en las aulas de Marzán. EP

Os sindicatos con representación na mesa sectorial de Educación levantáronse este xoves da mesma tras pedir á Xunta a retirada do protocolo de adaptación ante a Covid-19 para o próximo curso, que consideran "inviable". 

Durante o encontro coa Consellería de Educación, fixado para a mañá deste xoves, os sindicatos expresaron a súa oposición ao borrador presentado pola Administración educativa e reclamaron a súa retirada. 

Entre outras cuestións, alegan que a súa aplicación é "inviable" e critican que "non hai vontade de negociación" por parte da Xunta, que non acordou " coa comunidade educativa" as indicacións. Por iso, decidiron levantarse da mesa sectorial. 

Neste sentido, o secretario nacional de CIG-Ensino, Suso Bermello, afirmou que este protocolo é "un despropósito cara ao conxunto da comunidade educativa" e alertou de que o curso, con el, empezarase "nunhas condicións que para nada aseguran unha atención á saúde e ás cuestións pedagóxicas". 

Para a CIG, os criterios que rexen a proposta da Xunta "son exclusivamente de carácter economicista". En particular, Suso Bermello criticou a medida de reducir a distancia de seguridade nas aulas até un metro, algo que "sería a escusa para non implantar medidas como un incremento do profesorado para atender a todo o alumnado" ou a "redución dos cocientes". 

Do mesmo xeito, consideran que o protocolo non atende de forma suficiente a preparación para o caso de que haxa que retomar a "teledocencia". "Non hai ningún criterio que nos leve a unha situación diferente á do último trimestre do pasado curso", expresou Bermello. 

Finalmente, explicou, as indicacións deste borrador "non garanten o transporte nin o comedor para todo o alumnado", algo que rexeitan frontalmente e ao que, apuntan, responderán con "a mobilización social".

CRÍTICAS DE SINDICATOS E ASOCIACIÓNS. Na mesma liña que os sindicatos con representación na mesa sectorial (CIG, ANPE, CCOO e UXT), o sindicato Steg tamén expresou a súa oposición a este documento, expondo modificacións que, na práctica, supoñen "case unha emenda á totalidade". 

Entre outras cuestións, Steg apunta que o documento "contén numerosas vaguedades" e "outorga unha responsabilidade excesiva ao profesorado e ás familias", á vez que non aposta pola redución de cocientes de alumnos por docente e a contratación de máis profesores. 

Así mesmo, a Confederación Galega de Anpas de Centros Públicos, Confapa Galicia, criticou que a Xunta non contase coa participación dos representantes das familias para conformar o protocolo e opúxose a medidas "asombrosas" como a de establecer grupos estables de até 25 alumnos por aula sen que teñan que manter "ningunha medida interna de seguridade". 

Educación: "É unha actidude irresponsable"
A Consellería de Educación cualificou este xoves a actitude dos sindicatos de "irresponsabilidade" e instoulles a negociar o protocolo de adaptación á nova realidade post Covid-19 para o inicio do próximo curso. 

Así o expresou a Xunta nun comunicado despois de que os sindicatos se levantasen este xoves da mesa sectorial que debía abordar este protocolo, segundo Educación, "ao negarse a calquera negociación que non pasase pola retirada íntegra do documento". 

Educación explicou que, "ante a decisión dos sindicatos de non facer achegas construtivas ao protocolo", o documento "continuará a súa tramitación e será analizado polo Comité intercentros de seguridade e saúde laboral". Unha vez recibido o visto e prace deste comité, será enviado aos centros "para que poidan ir preparando o inicio" do próximo curso. 

A Consellería de Educación defendeu a mesa sectorial como "órgano de negociación entre a Administración e as organizacións sindicais" e apuntou a vontade da Xunta de "atender as demandas" dos sindicatos, algo que "quedou xa plasmado no compromiso de facerlle test serolóxicos a todo o persoal dos centros educativos". 

Comentarios