O Sergas recibe 88.320 doses da vacina antigripal para menores de 65 anos

Asegura que "se están distribuíndo aos puntos de vacinación para normalizar" a súa administración, primeiro "coas citas xa reservadas" 
Persona vacunada. EP
photo_camera Un lucense, vacinado. ADRA PALLÓN

O Sergas recibiu este domingo 88.320 doses da vacina antigripal Influvac que se emprega en menores de 65 anos na campaña actual en Galicia e espera que cheguen outras 64.983 aos almacéns este venres 13 de novembro para normalizar a vacinación. 

Así o confirmaron este luns a Europa Press fontes da Consellería de Sanidade, que ratificaron que para as persoas de 65 anos ou máis en Galicia -incluídas nos grupos diana da campaña de vacinación galega- "non houbo ningunha limitación de vacinas". 

En canto ás persoas menores de 65 anos, as vacinas de Influvac Tetra adquiridas polo Ministerio de Sanidade "entraron no Estado español o pasado venres", matizaron as mesmas fontes, e parte das correspondentes a Galicia chegaron este domingo. "E xa se están distribuíndo aos puntos de vacinación para normalizar a vacinación, empezando polas citas xa reservadas", abundaron por parte de Sanidade. 

En relación á vacinación dos menores de tres anos ante a falta de vacinas Vaxigrip Tetra, as mesmas fontes sanitarias puntualizaron que para os nenos con patoloxías de risco "déronse instrucións para que se reservasen as doses necesarias tanto para empezar a vacinación así como para completala naqueles que se administrase xa a primeira dose". 

"Ademais, aínda hai neste momento nos almacéns da Comunidade (galega) 1.204 doses reservadas para esa poboación", puntualizaron as mesmas fontes da Consellería de Sanidade.

PICO DA GRIPE. Deste xeito continúa a campaña de vacinación antigripal en Galicia que comezou o pasado 13 de outubro para a poboación xeral -o día 5 dese mes para o persoal sanitario- e que se estenderá até final de ano, cunha duración de 12 semanas. 

Por parte de Sanidade explicaron, en relación a cando se espera o pico da gripe, que no caso de que a epidemia "se comporte como en anos anteriores, é posible que o aumento de casos" empece a observarse "a partir de mediados de xaneiro de 2021". 

Comentarios