O Sergas administrará este mércores máis de 6.500 terceiras doses nas residencias

As vacinas repartiranse entre as sete áreas sanitarias galegas
Un sanitario vacuna a un hombre. EFE
photo_camera Un sanitario vacuna a un hombre. EFE

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) arrincará este mércores a administración de terceiras doses en residencias de todo o territorio galego. En total, poranse 6.574 inxeccións para reforzar a inmunidade dos maiores, segundo datos proporcionados polas sete áreas sanitarias e recollidos por Europa Press.

A primeira destas doses 'extra' contra o coronavirus recibiuna este martes Nieves Cabo, unha usuaria do xeriátrico Porta do Camiño de Santiago quen en decembro de 2020 xa se converteu na primeira persoa vacinada contra a covid en Galicia.

Así, desde este mércores os equipos de vacinación do Sergas iniciarán unha nova andaina por residencias de toda a Comunidade co obxectivo de inmunizar a este colectivo nunhas dúas semanas, segundo estimacións da Xunta.

Nieves Cabo, tras recibir a terceira dose: "Póñome aínda que sexan corenta"

Na área de Santiago-Barbanza, os equipos de vacinación desprazaranse até xeriátricos da capital e dos municipios de Teo, Brión, Oroso, Ribeira, Noia e A Pobra do Caramiñal para pór un total de 1.440 doses. 

Na de Vigo, está previsto que se administren as vacinas extra a 909 usuarios de oito residencias: Santa Teresa da Cañiza; A nosa Señora do Rosario de Valeixe, en Covelo; San Pedro de Crecente; Domusvi Cangas; Vila do Conde de Gondomar; e os dous CRAPD do Meixoeiro, na cidade olívica. 

En canto a Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, os equipos de vacinación porán 1.300 inxeccións nun total de 27 residencias. Na de Lugo-A Mariña-Monforte serán 1.600 repartidas por xeriátricos de toda a área. 

Finalmente, na da Coruña-Cee inxectaranse 609 terceiras doses en cinco xeriátricos, en Pontevedra-O Salnés serán 501, mentres que na área ferrolá administraranse 215 vacinas

O Sergas volció a escoller a residencia Porta do Camiño para arrincar este martes a campaña da dose extra, que chegará a case 30.000 persoas que viven en centros sociosanitarios. A elas hai que sumar outros 15.000 pacientes inmunodeprimidos que, como grupo vulnerable, xa empezaron a recibila a semana pasada. 

Comentarios