A segunda folga na CRTVG obriga a cancelar Luar

Rexistrouse un lixeiro descenso de seguimento fronte á primeira xornada
O Venres Negro coincidiu coa folga. DEFENDE A GALEGA
photo_camera O Venres Negro coincidiu coa folga. DEFENDE A GALEGA

A segunda folga na Corporación de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) afectará a un dos programas máis emblemáticos do ente público galego, xa que segundo as previsións da dirección non se emitirá Luar, que capitanea Xosé Ramón Gayoso, debido á produción previa que necesita este programa.

Ademais, pese ao lixeiro descenso de seguimento, cun 25,6 por cento nesta segunda xornada de folga após o 6 de marzo, volvéronse a ver afectados os programas da Revista, Zigzag e as seccións de Deportes e O Tempo na televisión; e os programas Pensando en Ti, Diario Cultural e Ao Contraataque, da Radio Galega.

Coincidindo cun novo Venres Negro, o número 253, os traballadores chamados ao paro nas redaccións da televisión e radio públicas protagonizaron tamén unha concentración de protesta na compostelá Praza do Toural, onde quixeron denunciar os "abusos" da dirección e na que corearon aclamacións de "máis cultura e menos xefaturas". Nela, estiveron acompañados por dirixentes políticos locais do BNG e do PSdeG.

Pola súa banda, a CRTVG quixo expresar de novo o seu respecto por convocar a folga, na que tamén se demanda unha xornada laboral de 35 horas, á vez que pide tamén "respecto" para o case 75 por cento do persoal que non a secundou. Ademais, reitera que o comité de empresa convocante "non respecta a vontade do máximo órgano de representación legal dos traballadores", que é a asemblea.

Comentarios