Santalices, sobre o peche do paritorio de Verín: "Faltounos pedagoxía"

O presidente do Parlamento de Galicia defende que"por encima de todo" hai que "garantir a seguridade dos pacientes"
Miguel Santalices. EFE
photo_camera Miguel Santalices. EFE

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, considera que "faltou un pouco de pedagoxía" á hora de explicar os motivos do peche do paridoiro do Hospital de Verín, onde era necesario "comunicar que, nun asunto tan delicado, temos que garantir por encima de todo a seguridade dos pacientes".

"A xente ten que saber que o que se lle está ofertando é unha cousa absolutamente segura e iso nós temos que saber explicalo e comentarllo á xente, aos pacientes", asegurou nunha entrevista na Cadena Ser.

Santalices -médico e deputado por Ourense- evitou aclarar se neste debate estaba coa Xunta, partidaria do peche, ou co presidente provincial do seu partido, Manuel Baltar, quen defende a continuidade do servizo.

"Estou, por encima de todo, pola seguridade dos pacientes. Eu fun xerente de tres hospitais e sei moi ben o que supón. Neste caso, garantir a seguridade tanto dunha nai como dun fillo e isto non é evidentemente fácil", subliñou.

É aí, na seguridade, onde "hai que centrar o tema" e por iso considera "un erro" tratar de centralo "nun espectáculo parlamentario, que non se cumpriu". Lembra por iso que o PP presentou unha emenda que apoiaba a reapertura cando o centro contase con pediatras, algo que agora non sucede.

"O presidente da Xunta falou dunha situación puntual onde hai un problema na cobertura da asistencia pediátrica e non se pode garantir unha seguridade", algo no que "estamos de acordo todos: o presidente, eu e calquera persoa con sentido común".

Por iso, unha vez "se liquide" esa carencia está "seguro" de que se lle dará "unha solución".

O argumento inicial para o peche, a perda de pericia dos profesionais pola escaseza de partos, non atopou o apoio do presidente da Cámara.

"Os datos son evidentes, hai poucos partos", pero "sobre a pericia non vou dicir que non a hai, que levan facendo partos moitos anos e iso adquírese tamén co tempo".

Comentarios