Viernes. 21.09.2018 |
El tiempo
Viernes. 21.09.2018
El tiempo

Santalices lembra ás vítimas de Angrois e do terrorismo na Ofrenda Nacional ao Apóstolo

O presidente do Parlamento galego aproveitou a súa intervención durante a misa para pedir a "implicación de particulares e institucións" contra o "drama" da violencia de xénero

O presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices, lembrou ás 80 vítimas do accidente ferroviario de Angrois do 24 de xullo de 2013, así como ás do terrorismo e de "calquera outra forma de violencia", durante a misa da Ofrenda Nacional ao Apóstolo. Ademais, o xefe do Lexislativo autonómico pediu a "implicación de particulares e institucións" contra o "drama" da violencia de xénero, xa que require un "enfoque global" que comece "no fogar e na escola", segundo engadiu. 

Así o expresou durante o acto celebrado na catedral de Santiago, no que exerceu como delegado rexio do rei Felipe VI, que é quen, como monarca de España, ten a honra de presidir este evento que se celebra desde o ano 1643.  "Unha tradición que cumpre 375 anos e que hoxe renovamos, avivando as ricas manifestacións do culto e a tradición xacobea que enriquece a historia de Europa, de España e de Galicia", manifestou Santalices. 

Seguidamente, destacou o "avance" da rehabilitación da Catedral de Santiago e do Pórtico da Gloria, á que erixiu nunha "Capela Sixtina" para todos os galegos: "Grazas e parabén a cantos, co seu patrocinio e mans expertas, participan nesta tarefa". 

Pola súa banda, o arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, saudou na homilía a todas as autoridades que asistiron á ofrenda, que foron, entre outros, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, todos os conselleiros do Goberno galego, e representantes dos grupos municipais na corporación local. 

Santalices lembra ás vítimas de Angrois e do terrorismo na Ofrenda...
Comentarios