Jueves. 20.09.2018 |
El tiempo
Jueves. 20.09.2018
El tiempo

Santalices explica a web de participación cidadá ao alumnado do IES Otero Pedrayo de Ourense

Santalices e varios exdeputados deron unha charla nun instituto de Ourense
Santalices e varios exdeputados deron unha charla nun instituto de Ourense
Anima á comunidade educativa a participar no programa de visitas guiadas ao Parlamento de Galicia e a coñecer e utilizar o portal de participación

O presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices, participou este xoves nunha charla-coloquio con alumnado do IES Otero Pedraio de Ourense, na que os convidou a utilizar as diferentes ferramentas que a Cámara galega pon a disposición dos máis novos, desde as visitas guiadas á sede da institución ata o espazo web de participación cidadá posto en marcha o pasado luns ao abeiro da recente lei de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá.

Santalices alentou aos estudantes que participaron na charla a coñecer e e facer uso da ferramenta de participación cidadá, pensada para que os galegos e galegas "se impliquen activamente": "Seredes vós, os mozos e mozas, os principais usuarios dela".

O titular da Cámara galega recordou que a web de participación cidadá do Parlamento permite participar na elaboración das leis que se atopan en tramitación, pero tamén propoñer preguntas para que os grupos parlamentarios as trasladen á Xunta, ben en forma de pregunta oral, en pleno ou en comisión, ou como pregunta de resposta escrita.

A web de participación do Parlamento tamén permite, como explicou o presidente da Cámara, exercer o dereito de petición perante o Parlamento, un dereito garantido na propia Constitución e que neste caso se canaliza a través da Comisión de Peticións.

Paralelamente, neste espazo web tamén se ofrece información sobre outras formas de participación que, pola súa complexidade, se xestionan doutro xeito. É o caso das proposicións de lei de iniciativa lexislativa popular e tamén da participación popular no impulso da acción de goberno a través de proposicións non de lei.

"Asegúrovos, como deputado con experiencia, e como presidente da Cámara, que todas as achegas son benvidas e estudadas con interese, e que as portas do Parlamento están sempre abertas para quen queira achegarse a el e coñecelo", subliñou Santalices ao reiterar a invitación formulada ao estudantado.

VISITAS GUIADAS. O Parlamento ten a súa disposición un programa de visitas guiadas ao Parlamento de Galicia que inclúe todo tipo de explicacións sobre o funcionamento da Cámara, e mesmo permite que os participantes se podan acoller a un desconto se efectúan ese desprazamento en ferrocarril. Por iso animou ao estudantado a participar neste programa, no que as inscricións se poden efectuar por teléfono ou a través da páxina web do Parlamento.

A charla divulgativa celebrada este mércores no IES Otero Pedraio de Ourense enmárcase nun ciclo organizado polo Parlamento de Galicia e a Asociación de Ex Parlamentarios/as para dar a coñecer a Cámara galega entre o estudantado de secundaria e bacharelato de Galicia.

Santalices recoñeceu que a iniciativa está a ser un éxito, pasando de 23 centros participantes no curso 2012-2013 a 50 no curso 2014-2015. No que vai do actual curso académico, son xa 58 os centros participantes.

Canda Santalices, participaron nesta iniciativa o presidente da Asociación de Ex Parlamentarios/as do Parlamento de Galicia, Jesús María Fernández Rosende; o vicepresidente da mesma, Alberte Xulio Rodríguez Feixóo; e o vogal Ismael Rego González. Foron presentados polo director do IES Otero Pedraio, Juan Antonio Saco Rivera.

Santalices explica a web de participación cidadá ao alumnado do IES...
Comentarios