Sanidade engade cinco novas comunidades ao rexistro obrigatorio de viaxeiros

Tamén se mantén case toda Europa na listaxe
Un pasajero llegando a un aeropuerto. EFE
photo_camera Un pasajero llegando a un aeropuerto. EFE

A Consellería de Sanidade incluíu a Castela e León, Madrid, Comunidade Valenciana, Murcia e Navarra no rexistro obrigatorio de viaxeiros que teñen que comunicar a súa chegada a Galicia nun prazo máximo de 24 horas debido á normativa polo covid-19. Estes territorios súmanse a Aragón, Baleares, Cataluña e País Vasco, mentres saen Cantabria e Melilla desta listaxe que actualiza con carácter quincenal o Diario Oficial de Galicia (DOG). 

Segundo publica o DOG este martes, Sanidade mantén na listaxe de territorios de declaración obrigatoria a todos os países europeos excepto a Malta e Cidade do Vaticano. Ambos mantéñense desde hai dúas semanas e o primeiro desde hai xa un mes. 

Tamén se inclúe a todos os países do continente africano e a todos os territorios de América excepto Arxentina, Colombia e Perú. Así mesmo, a Consellería de Sanidade establece a obrigatoriedade de comunicar a procedencia aos cidadáns que cheguen de todos os países e territorios de Asia excepto China, Xapón, Kuwait, Qatar, Arabia Saudita, Kirguizistán, Emiratos Árabes, Usbequistán, Corea do Sur e Timor Leste

A eles súmanse os países e territorios de Oceanía como Australia, Fidxi, Polinesia Francesa, Guam e Nova Caledonia. 

Os viaxeiros que estivesen nalgún dos lugares da listaxe nos 14 días anteriores deben comunicar, nun prazo máximo de 24 horas, os seus datos de contacto e estancia en Galicia a través da web coronavirus.sergas.gal ou do teléfono 881 00 20 21. 

A Xunta lembra que esta resolución, que entrará en vigor este mércores, 3 de novembro, será obxecto de actualización nun prazo máximo de 15 días naturais.

Comentarios