Sancións máis duras para quen defraude nas vivendas protexidas

Teresa Táboas, no Parlamento (Foto: Pepe Ferrín/AGN)
photo_camera Teresa Táboas, no Parlamento (Foto: Pepe Ferrín/AGN)

Se nos últimos días viamos varios casos de fraude no uso das vivendas protexidas, coa futura Lei de Vivenda será máis caro. A conselleira Táboas anunciaba onte un endurecemento das multas para castigar as fraudes cometidas por adxudicatarios e promotores.

Na actual Lei, aprobada en 2003, a sanción mínima é de 3.000 euros, contía que se verá incrementada coa entrada en vigor do próximo texto. Teresa Táboas defendeu que o seu departamento ten como prioridade loitar contra este tipo de fraudes, xa que aplicou "por primeira vez en Galiza" unha sanción a unha promotora.

A empresa puxera un sobreprezo na compravenda de vivendas de promoción pública en San Paio de Navia, Vigo, o que lle supuxo 3,6 millóns de euros de multa e unha inhabilitación para construír vivenda protexida por 6 anos.

Novo sistema de adxudicación
Táboas anunciou tamén un novo sistema de sorteo para a adxudicación de vivendas protexidas coa fin de axilizar as entregas, que hoxe pode tardar ata dous anos. Este cambio supón "gañar axilidade na tramitación sen perder garantías", acortando "o prazo que ocorre entre o momento no que se solicita unha vivenda e o momento en que a adxudicación se fai efectiva".

O sorteo realizarase ante notario, e del sairá a lista de adxudicatarios provisionais e a lista de espera, que queda confeccionada de xeito inmediato, sen necesidade de demandar documentación a todos os demandantes que presentaron a solicitude, senón aos integrantes destas listas provisional e de espera. Un método para "simplificar" os procesos e facelos máis "eficientes".

Comentarios