"Rueda leva cen días de brazos caídos: moita promoción persoal e ningunha medida real"

O BNG cumpre hoxe 40 anos e celebrarao no frontón de Riazor, o mesmo lugar onde un 25 de setembro de 1982 se unía o nacionalismo galego. Por aquel entón, Ana Pontón xogaba despreocupada por Chorente, allea ao papel que ía xogar en todo aquilo. Aos 16 anos subiuse ao proxecto e hoxe lidérao co obxectivo claro de conquistar a Xunta en 2024
Ana Belén Pontón Mondelo (Sarria, 1977), esta semana no esterior do Parlamento. PEPE FERRÍN
photo_camera Ana Belén Pontón Mondelo (Sarria, 1977), esta semana no esterior do Parlamento. PEPE FERRÍN

Que estaría facendo Ana Pontón o 25 de setembro de 1982?

Eu tiña cinco anos, era un sábado e non había colexio, así que seguramente estaría xogando en Chorente con meus irmáns.

Lembra a primeira vez que oíu falar do BNG con conciencia?

Non falaría dun momento, senón máis ben dun proceso. Pero lembro xa de moi nena que sempre tiven moita conciencia de que os galegos estaban moi discriminados. Iso xa na escola, quizais polo comportamento tan contraditorio que había co idioma. Logo no instituto tamén foi un proceso de contacto con xente que tiñamos as mesmas inquedanzas, que nos identificabamos co BNG.

E cando se afiliou?

Cando estaba no instituto. Tiña 16 anos.

Que a levou a militar no BNG?

A necesidade de que os galegos tiveramos un futuro mellor.

E nestes anos pensou nalgún momento en marchar?

Nunca! Sempre tiven claro que este era o meu lugar. Teño confianza no BNG e en Galiza e sei que a esperanza desta terra pasa por confiar máis en nós mesmos, nas nosas forzas e posibilidades.

Lembra o seu mellor e peor momento no BNG?

Como momento moi bo para min penso nas pasadas eleccións galegas, onde nos situamos como segunda forza política e alternativa clara de goberno fronte ao PP. E quizais un dos momentos que a min me pareceu máis complexo para o nacionalismo foi 2009, despois das eleccións. Aí tiven a sensación de que ía empezar un momento difícil para o Bloque e acertei: tivemos anos complicados. Pero sempre digo que nas dificultades é onde crecemos e o BNG foi quen de aprender diso, ata situarnos hoxe no mellor momento da nosa historia, cunha responsabilidade importante como é conseguir que en Galiza haxa por primeira vez un Goberno coas mans libres para defender os intereses dos galegos.

Ana Pontón2.PEPE FERRÍN
Ana Pontón.PEPE FERRÍN

 

Agora son tempos doces para o partido. Vese na Xunta en 2024?

Nós imos traballar para que en 2024 se produza ese cambio político e o que temos é que convencer á maioría dos galegos de que estamos preparados para gobernar e que temos un proxecto para construír unha Galiza mellor da que nos deixa o PPdeG. Nestes trece anos herdamos unha terra que vai a menos, en peores condicións, cos servizos públicos deteriorados, coa débeda triplicada, con menos xente nova e cunha triple crise ambiental, demográfica e social. Vemos que este país necesita un cambio, porque Galiza non pode seguir perdendo: ten que gañar e gañará co BNG.

Sexa sincera: é máis doado chegar á Xunta sen Feijóo?

Estou absolutamente convencida de que o cambio político en Galiza ía producirse con independencia de quen sexa o candidato do PPdeG. As anteriores eleccións déronse nunhas circunstancias moi específicas, pero antes do covid xa se prognosticaba un desgaste importante do PP. E agora o que vemos é que ese desgaste vai a máis e que a forza política que sobe e que ten capacidade para cuestionar a hexemonía do PP é o Bloque. E imos facelo con toda a humildade, pero tamén con toda a ambición de país.

Rueda xa pasou os 100 días na Xunta. Como o ve?

Son cen días de brazos caídos, dun Goberno que leva case a metade deste ano paralizado, sen tomar medidas de impacto, con moita campaña de promoción persoal de Rueda pero pensando pouco na xente deste país. Non se tomou ningunha medida relevante para axudarlle a quen peor o está pasando! Hai anuncios, publicidade e propaganda, pero ningunha medida real de calado para familias, autónomos ou tecido produtivo.

Parece difícil que calquera Goberno sobreviva a esta crise de prezos.

Para quen é difícil sobrevivir é para as persoas, que cada vez que van á compra teñen que facer números, ou cada vez que lles chega unha factura do gas ou da luz fáiselles un nó na gorxa, ou para os que encher un depósito de gasolina é un luxo... Os gobernos teñen que mirar máis as necesidades das persoas e menos os seus intereses electorais, porque estamos nunha crise moi profunda que en Galiza afecta máis que na media do Estado; e tendo as segundas pensións máis baixas e estando á cola de España en salarios, significa que imos diverxer aínda máis. Estase dando un incremento da pobreza realmente alarmante e fronte a isto anunciar cheques de 25 euros para material escolar é unha irresponsabilidade. Como tamén o é ver o comportamento Goberno durante o verán, con palcos VIP para ver a C. Tangana ou derrochando 2,5 millóns de diñeiro público nun concerto porque estamos nunha guerra electoral destada en Vigo.

Que capacidade de manobra ten a Xunta fronte a unha crise tan global coma esta?

É evidente que hai responsabilidades que escapan ao ámbito galego. A crise ten detrás intereses xeopolíticos, polo reposicionamento duns Estados Unidos que queren manter o control económico, militar e enerxético sobre o que se chama mundo occidental, e non lle importa que iso o paguen as clases traballadoras. O primeiro que debemos reclamar é que se tomen medidas pensando nas maiorías sociais, pero tamén os gobernos terán que dicir algo sobre o que acontece, porque os intereses estratéxicos de EE.UU. non poden estar por riba da xente. A Reserva Federal volveu incrementar os tipos de interese e isto terá efecto aquí, cun incremento do custo das hipotecas. E 100 ou 200 euros máis para moitas familias é a diferenza entre comer ou non, ou entre ter casa e non tela. O BNG cre que é hora de que a banca devolva o rescate bancario e se amose solidaria coa sociedade, xa que está incrementando os seus beneficios de xeito escandaloso e forrándose co sufrimento das familias.

Ana Pontón. PEPE FERRÍN
Ana Pontón. PEPE FERRÍN

 

O BNG propón un plan anticrise de 1.000 millóns. De onde sairían?

Pois dos recursos públicos da Administración. O alarmante é que o ano pasado a Xunta deixou 1.000 millóns sen gastar, cando vemos que precisamos máis recursos para defender esas maiorías sociais. E que fai o PP? Rebaixas fiscais para as rendas máis altas, que é gobernar para unha minoría. Non é un problema de recursos, senón de prioridades.

Por certo, que facemos cos impostos? Armonizar, recentralizar, subir ou baixar?

É un debate moi importante, porque a fiscalidade inflúe en como se redistribúe a riqueza e iso ten dous eixos. Por un lado o modelo fiscal: que quen máis teña máis pague, porque esa balanza está cada vez máis desequilibrada, coa clase traballadora pagando máis e as grandes rendas, menos, o que incrementa a desigualdade social. Cando rebaixas o imposto de patrimonio o que fas é retirar recursos do ensino, dos servizos sociais, da dependencia.. Iso é o que leva facendo o PP en Galicia nos últimos anos. Nos orzamentos de 2022 a unha persoa cunha renda inferior a 12.000 euros a Xunta rebaixoulle 20, nin para un café diario ao mes; pero a unha persoa con ingresos superiores a 60.000 euros rebaixoulle 500. E esa política fiscal inxusta provoca o deterioro dos servizos públicos. E logo está o segundo eixo: que todo isto non pode ser a excusa para recentralizar os impostos. Ao contrario, hai que abrir en serio o debate sobre o modelo de financiamento, porque o Estado está sobrefinanciado.

Sobre todo agora, co aumento de recadación pola inflación. Agora é brutal, pero xa o era antes. Aquí só ingresamos o 50% do Ive ou o IRPF a pesar de que xestionamos o gasto social, que é o máis importante. E o Estado resérvase o outro 50%, pero para que? Exército, armamento, Casa Real e infraestruturas que ás veces só serven para dopar a construtoras que pactan prezos e vulneran a lei. Hai que repensar todo isto e reequilibrar a balanza.

Que agarda dos novos orzamentos que avanzará Rueda o martes?

Gustaríame coñecelos antes de debatelos. O presidente da Xunta négase a vir facer un debate de política xeral nun momento extraordinario no que é o mínimo que lle debemos á sociedade: falar do que pasa e propor solucións.

Pero o regulamento da Cámara impide o debate sobre o Estado da Autonomía en ano de investidura, como foi este 2022.

Non é un problema regulamentario senón de vontade política. Se o Goberno quere podemos facer un debate de política xeral, igual que delegamos o voto na pandemia malia que o regulamento tamén o prohibe. O problema é que Rueda non quere vir debater en profundidade porque se lle ven as costuras. É un debate trampeado no que tan só vén dar unha rolda de prensa. E nós preguntámonos entón que ten que ocultar: novas rebaixas fiscais para ricos, novos recortes en sanidade, a súa falla de proxecto... Paréceme unha falta de respecto aos galegos que pense que nesta crise chega con publicidade e propaganda.

Faltan médicos e enfermeiros e a situación vai a peor. Culpa da Xunta, do ministerio ou dos dous?

Esa política de botar balóns fóra é inútil e tan só retracta a incapacidade do Goberno do PP para pór sobre a mesa alternativas. Pero é que aquí falamos de algo tan serio como a saúde das persoas e hai datos que evidencian que o problema ten moito que ver coa xestión da Xunta. Este ano remataron o MIR de Atención Primaria 89 persoas, pero só 30 traballan nela. Entón o problema non é a falta de médicos, senón que non quedan en Primaria pola precariedade e o deterioro do servizo que provocou o PP cos recortes. Cando analizamos os datos, vemos tamén que hai menos sanitarios en Atención Primaria hoxe que en 2009; ou que estamos no posto 14 de todo o Estado en investimento en Primaria, un 2,2% menos que a media... Con menos recursos fanse menos cousas e no caso da Primaria, deteriórase un servizo fundamental para a poboación e con el a saúde dos galegos. Estamos vendo como se incrementa a mortalidade e hai listas de espera incluso en atención oncolóxica. Así que eu pídolle a Rueda e ao PP que non xoguen coa saúde dos galegos. Para min é un asunto central.

Seguimos sen unha AP-9 galega e sen competencias na costa. Fraquea o noso autogoberno?

O principal problema que temos foron os trece anos cun Goberno que non solicitou nin unha soa competencia, nin sequera nos oito anos que gobernou o PP en Madrid. O PPdeG non quere competencias, porque cantas máis teña, máis se verá a súa incompetencia para xestionalas. Agora estamos nun momento de postureo, porque o que en realidade quere o PP é que Ence non se traslade da ría de Pontevedra, e por iso di que quere a transferencia da costa. Pero non vexo ningunha intencionalidade real na Xunta, á que lle gusta máis botar balóns fóra e exercer como unha simple opinadora.

O PSdeG si parece moi empeñado en mudar o Estatuto de Autonomía. Como o ve?

Pois non o teñen rexistrado no Parlamento. No BNG temos algunha proposta que debatiremos nos vindeiros días para reflexionar a fondo sobre un marco político no que Galiza gañe capacidade real de decisión, porque vemos que sempre que outros deciden por nós, non nos vai ben. Acaba de ocorrer coa pesca, que é outro mazazo da Comisión Europea coa complicidade dos estados; como cando o Goberno central nos quere marxinar nas infraestruturas ferroviarias como o corredor atlántico ou coa escasa execución dos presupostos do Estado para Galiza, que quedou nun 67% o ano pasado, mentres infraestruturas como a autovía Santiago-Lugo van camiño de converterse no Escorial.

Non adoita falar doutros, pero preocúpalle o efecto electoral no conxunto da esquerda que poidan ter as leas internas do PSdeG?

Como di, son moi respectuosa coas decisións internas doutros partidos. Agardo que o PSdeG sexa quen de superar eses problemas internos que ten.

Onde si se ve unidade é no BNG. A foto do documental do 40º aniversario foi simbólica. Que sensación tivo estando alí Beiras?

Neste 40º aniversario o que se ve é que o BNG é a organización clave para Galiza, que leva 40 anos aquí porque é útil para este país. Chegamos aos 40 anos no mellor momento, con apoio social, fortaleza organizativa e as portas abertas a toda a cidadanía que queira construír un país mellor coas mans libres fronte a Madrid, a Bruselas e aos grandes lobis.

Portas abertas tamén para Beiras?

Non me gusta falar de hipóteses que non están formuladas. En todo caso, as persoas tamén somos un pouco o resultado das nosas decisións, dos nosos actos, e é evidente que Beiras en 2012 tomou unha decisión que o levaba por un camiño diferente.

Ana Pontón1.PEPE FERRÍN
Ana Pontón.PEPE FERRÍN

 

Sople as candeas do 40º anivesario do BNG e pida un desexo.

Que o Bloque sexa a forza hexemónica de Galiza, porque iso será bo para que a xente teña máis oportunidades e mellor calidade de vida.

"Ao BNG está chegando xente doutros espazos que nos ve como a única alternativa ao PPdeG"

Hai espazo para Sumar, de Yolanda Díaz, na nosa comunidade? O que opine eu é indiferente. Quen dirá se hai espazo ou non é a cidadanía deste país.

Segue a xente das mareas chamando á porta do BNG?

Nestes últimos anos medramos moito en afiliación e con perfís moi diferentes: xente que nunca estivo en política, que estivo no BNG e volveu, xente doutros espazos que nos ve como única alternativa ao PPdeG... E seguimos sumando a todo aquel que queira contribuír.

Como ve as eleccións municipais de maio de 2023?

Penso que son eleccións importantes onde temos gobernos locais que son o mellor espello do que somos: equipos municipais que demostran unha gran capacidade de transformación, que apoian o comercio local, que xestionan ben os recursos públicos, que apoian as persoas... Todo ese bo facer vai contribuír a que nestas eleccións o BNG sexa a forza política que máis sume, incrementando votos, representación e alcaldías.

Ata que punto son importantes para as autonómicas?

Aínda que uns comicios inflúen noutros, as dinámicas son moi diferentes. Pero nas eleccións municipais veremos un BNG que será a forza que máis suba, o que tamén nos impulsará para vindeiros retos como son as eleccións galegas, sen dúbida un plato forte para nós.

E que sería o primeiro que faría de chegar á Xunta?

Non sei a decisión que tomaría dentro de dous anos, pero desde logo se fose hoxe adoptaría medidas para que esta crise non a paguen os de sempre, incrementando as axudas sociais, recuperando a gratuídade de libros de texto, artellando medidas en materia de vivenda, apoiando os sectores económicos... E para facer iso hai un orzamento da Xunta de máis de 11.000 millóns de euros, que non é unha broma.

Comentarios