Rueda cre que o recurso ante o TC do Goberno á lei de Saúde "deixa Galicia nunha situación complicada"

Afea ao Executivo central que dea este paso cando "fala de cogobernanza, coordinación e lealdade institucional"
Tribunal Constitucional. AEP
photo_camera Tribunal Constitucional. AEP

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu este mércores que a reforma da Lei galega de Saúde está "avalada" polos servizos xurídicos da Administración autonómica e considera que o recurso presentado polo Goberno central ante o Tribunal Consitucional "deixa a Galicia nunha situación complicada". A preguntas dos medios este mércores na inauguración dunha exposición en Santiago, o número dous do Executivo autonómico sinalou que "é difícil de entender" a decisión do Goberno central, ao que afeou que dea este paso cando "fala de cogobernanza, coordinación e lealdade institucional". 

Rueda afirmou que a elaboración desta reforma lexislativa foi froito da "inactividade" para dotar dun marco normativo á xestión da pandemia por parte do Goberno central. Segundo o vicepresidente primeiro, a Xunta elaborou esta reforma, "avalada" polos servizos xurídicos e que resultou aprobada a comezos de ano no Parlamento galego, para contar con "ese marco xurídico". 

"E agora atopámonos con este recurso sen contacto previo e sen vontade de falar entre os gobernos", sinalou Rueda, que cre que "ao Goberno central non lle gusta" que Galicia conte con "un marco xurídico" propio para a xestión da pandemia. 

Comentarios