Rosa Quintana: ''De 2008 a 2011 nadie mostró interés por los problemas jurídicos que había''

Tras anos de estancamento na construción de novas plantas para o cultivo de peixes en Galicia, a Xunta deu esta semana o pistoletazo de saída aos potenciais promotores para que presenten xa os seus proxectos en áreas de menor protección ambiental do litoral. O seu "afán" por desenvolver a actividade é, segundo a conselleira do Mar, Rosa Quintana, "compatible" cun sector pesqueiro forte, polo que se compromete a loitar ante Bruxelas para conseguir maiores posibilidades de captura.

Pregunta: Neste compás de espera. ¿Cantas empresas acuícolas mostraron interese por instalarse en Galicia?
Resposta: O plan de 2008 estivo vixente ata marzo do ano pasado e ninguén manifestou interese por desenvolver a acuicultura polos problemas xurídicos que había. Desde que iniciamos o plan director en 2011 achegáronse á consellería diferentes persoas para coñecer a nosa idea. Tiñan ganas de investir, aínda que polo momento só está concretado un proxecto para o porto de Sada. Ningunha empresa coñeceu os primeiros pasos do plan ata o xoves e o único que transmitimos foi a vontade de dar seguridade xurídica, reducir os trámites administrativos e non limitar o desenvolvemento da actividade a unhas parcelas.

P: A nova folla de ruta pon todo o litoral galego ao servizo dos promotores.
R: Quixemos facer un estudo de todo o territorio desde a base de que unha das grandes preocupacións da Xunta é a necesidade de mellorar a imaxe de Galicia. Sempre defendemos que a acuicultura era compatible co medio ambiente; non só o é agora, xa o viña sendo. No se rexistrou ningún problema de degradación ambiental desde que se puxo en marcha a primeira planta de cultivo de peixes na comunidade. É certo que moitas das que existían ata agora non estaban suxeitas ao criterio de integración na paisaxe e iso foi un dos aspectos que quixemos modificar.

P: Algunhas granxas poderían iniciar este ano a súa implantación. ¿Que áreas concentran maior demanda?
R: É complicado saber que zonas despertarán maior interese. Na contorna do concello lucense de Foz hai moitas áreas onde se podería desenvolver a acuicultura. En xeral no conxunto da Mariña lucense, onde o Goberno galego está a facer un esforzo especial para darlle o pulo que precisa a provincia.

P: ¿Existe un interese crecente no cultivo de novas especies?
R: As investigacións realizadas desde o Cluster da Acuicultura de Galicia destacan os bos resultados que está a dar o cultivo de linguado. Hai pouca diferenza no sabor en relación ao silvestre. Con todo, determinadas empresas despois de desenvolver a súa cría en Galicia e tras facer rendible a actividade tiveron que marchar fóra. Agardamos que este novo marco abra posibilidades a esas ou outras compañías para apostar polo linguado.Tamén se están a elaborar moitos estudos para o cultivo de especies como a orella de mar ou a pescada. Hai cando menos expectativas.

P: Máis alá da inseguridade xurídica, ¿que outros atrancos detiveron a acuicultura nos últimos anos?
R: Un deles foi o acceso ao financiamento, posto que só a pequena e mediana empresa podía acollerse ás axudas comunitarias. Esperamos que co novo regulamento financeiro proposto pola Unión Europea esta situación mude. Nós non podemos conceder con fondos propios subvencións a grandes firmas que queiran potenciar a acuicultura, terían que buscar o seu propio financiamento. Só podemos respaldar economicamente os pequenos proxectos de pequenas empresas.

P: ¿A Xunta planea abrir algunha vía de financiación específica?
R: Están operativas a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), mediante os plans Impulsa Lugo e Ferrol, cos que as pymes poden acollerse a un financiamento máis activa da Xunta.

P: ¿Cal será o impacto do plan director na creación de emprego?
R: Cuantificalo é difícil, depende da dimensión da empresa, da tecnoloxía empregada. Non se trata só dos postos de traballo directos que se poden xerar, senón de todo o entorno económico que se move ao redor do funcionamento dunha planta. Levantar unha granxa acuícola en Vigo pode que non resolva o problema do desemprego para a cidade, pero se se constrúe na contorna de Foz suporá un alivio na creación de empregos para todas as parroquias da zona e no propio concello.

P: ¿Pode supoñer unha oportunidade para outros sectores nesta crise?
R: Sen dúbida. Todo o plan de acuicultura en si mesmo representa unha nova vía de negocio.

P: Agrupacións de mariscadoras ou confrarías poden plantexar proxectos. ¿Que fórmula empresarial deben elixir para que sexa viable?
R: Modelos asociativos. Co afán que temos por desenvolver esta actividade calquera empresario xoven que queira optar por esta vía recibirá asesoramento da comisión ténica que se vai crear. A súa axuda pode facer que moita xente nova aposte por esta saída no canto de buscar traballo fóra de Galicia.

P: A implantación de Pescanova en Touriñán volve estar sobre a mesa. ¿A consellería ten constancia de que chegará a ser unha realidade?
R: A empresa manifestou o seu interese e a propia normativa comunitaria establece a posibilidade de construir plantas acuícolas en Red Natura. Se Pescanova ten os terreos adquiridos nunha zona dos niveis de máxima protección e quere seguir adiante co seu proxecto, terá todas as posibilidades de facelo adaptándoo á nova imposición de integración paisaxística; ten o camiño aberto. Xa no seu día cumplía cos requisitos das normativas comunitarias, así que penso que non haberá moito problema en resolver a súa implantación. É certo que desde 2005 os trámites caducaron e tería que empezar de novo co proxecto.

P: ¿Que requerimentos deberán superar as empresas interesadas en instalarse en áreas máis protexidas?
R: Practicamente todos os informes que se precisan para unha análise de impacto medioambiental. Nesas zonas os trámites son máis longos e os informes máis complicados que en áreas nas que o solo xa estea catalogado como industrial ou rústico, pero é posible facelo.

P: Coa axilidade na tramitación, o sector estima un período de cando menos seis meses para superar o proceso. ¿Comparte ese prazo?
R: Podería ser, os tempos redúcense á metade, pero non quero pechar un prazo fixo para que non se diga que establecín seis meses se logo se resolve en oito. O meu compromiso é darlle toda a axilidade posible. Para iso creamos unha comisión interadministrativa para que todas as áreas que temos que emitir un informe nos reunamos e non sexa o típico estudo que chega a unha mesa dun despacho e agarda tempo ata que haxa técnicos que o revisen.

P: ¿Que pasos está a dar a Xunta para potenciar a acuicultura nas rías?
R: Estamos a estudar cun equipo científico a capacidade de carga das rías para valorar as posibilidades de impulsar a acuicultura mariña. En moitos dos espazos establecidos para desenvolver esa actividade aínda non se ten posto en marcha ningún proxecto. Ofertaremos tamén esa posibilidade aos empresarios. Ademais, imos tentar potenciar a acuicultura continental, en piscifactorías de auga doce, onde temos xa moi boas produccións de troita.

P: O sector estará encantado coa posibilidade de medrar.
R: A oposición ve no plan unha ameaza para a pesca extractiva.Temos que ser realistas, os recursos naturais teñen unha capacidade extractiva limitada nun contexto de crecemento demográfico. É compatible ter un sector pesqueiro e marisqueiro forte e tamén un sector acuícola forte.

 "A continuidade do sistema de cuotas fará inviable a actividade económica do sector"

Queda por diante un ano de intenso debate para pechar as novas liñas da política pesqueira común (PPC) e a Comisión Europea non parece disposta a ceder con facilidade en moitas das propostas que Galicia non comparte.

P: ¿Cre posible cambiar o rumbo inicial da reforma que plantexa Bruxelas?
R: O novo ministro de Agricultura ten asumida a reforma da PPC como un reto importante para España. O Goberno está a crear grupos de traballo para avanzar nesta dirección e convencer ao Consello e ao Parlamento Europeo. É preciso ter os mellores argumentos científicos para acreditar que se pode pescar máis. Se queremos un sector que se desenvolva ben, un peixe de calidade e temos bos recursos, pero non damos capacidade de pesca á flota, o único que teremos é un sector subvencionado.

P: ¿A clave para un reparto máis equilibrado das posibilidades de captura está nun sistema de dereitos transferibles de pesca en toda a UE?

R: Está claro e Galicia non está disposta a renunciar a esa posibilidade. É unha política común; se ninguén che impide comprar una empresa de queixos en Francia, non pode ser que che prohiban adquirir dereitos pesqueiros noutro país.

P: ¿Que ocorrerá de manterse o actual sistema de cuotas máis alá de 2013?
R: Se seguimos co mesmo modelo fará inviable a actividade económica das empresas do sector. O lóxico é que non se manteña.

P: O aumento do cupo de especies como o lirio para este ano, ¿evitará o peche das pesquerías?
R: Os Totais Admisibles de Captura que obtemos nunca son suficientes para a flota que temos. Os resultados do Consello de Ministros de decembro foron moito máis favorables, pero aínda así as cuotas non son dabondo coa cantidade de peixe que hai nos calodeiros.

P: Galicia rexeita a proposta da CE de alcanzar en 2015 o rendemento máximo sostible dos caladoiros. ¿Accederá a prolongar ese límite?
R: Co seu plantexamento, Bruselas sáltase o cumio de Johannesburgo, onde se acordou chegar a ese rendemento nese ano sempre que sexa posible tendo en conta o impacto social e económico. Se hai pesquerías ás que xa se lle pode aplicar, adiante, pero para as demáis non esquezamos que se trata dun sector cunha actividade económica.

P: ¿De que xeito se pode demostrar que é un obxectivo inasumible?
R: España debe contar con informes sobre o impacto social e económico da actividade pesqueira. Planteei ao novo secretario xeral do Mar a posibilidade de que todas as comunidades nos poñamos a traballar co Estado para elaborar ese documento.

P: A Xunta traballa coa oposición para consensuar unha proposta galega. ¿Como avanzan as conversas?
R: Imos elaborar un documento coa postura dos tres grupos políticos que someteremos ao sector para trasladarlle ao Estado a postura de Galicia de cara á reforma.

Comentarios