Rosa Martínez: ''Contamos con grandes voces, pero el éxito lo da el trabajo en equipo''

Gabeando chanzos desde 1986, Rosa Martínez (Vigo, 1947) empolicouse na Radio Galega, primeiro desde a correspondencia e delegación en Vigo e máis tarde, xa en San Marcos, ata ocupar a dirección en 2009. Agora o último Estudio General de Medios vén de ratificar a súa xestión cun resultado histórico: 213.000 oíntes, sumando os 194.000 da emisora xeralista e os 19.000 que achega a musical.

P ¿Cal é o segredo para alcanzar estes datos históricos?
R En catro anos dobramos a audiencia, pero non creo nos segredos, senón no traballo diario dun persoal entregado ao máximo. Non hai máis. Tampouco creo nas individualidades, aínda que temos grandes voces, grandes estrelas, pero isto é un traballo en equipo.

P ¿Sorprendeu o resultado na casa, sobre todo tendo en conta que outras emisoras perden oíntes?

R Sorpresa non. Houbo baixada de consumo na radio e en Galicia, concretamente no último ano, fomos a única emisora que subiu. Pero tiñamos unha especie de pálpito que é o que dan os oíntes coa súa participación nas redes sociais, cada vez máis intensa, e o feedback que existe entre eles e a radio.

P ¿Nótase especialmente esa conexión na emisora pública?
R É que somos a radio de aquí: a Radio Galega. Non podía ser doutro xeito. Aos oíntes, cando pasa algo arredor seu, non se lles ocorre chamar a Madrid. Fano aquí, á súa casa.

P Houbo unha aposta súa, a de Kiko Novoa no Galicia por diante, que foi un éxito. ¿Cales son os produtos estrelas da RG?
R Kiko é o rei das mañás. Sobre as súas costas recae unha cuarta parte da programación, pero tampouco quero ser inxusta. Non
podo esquecer a audiencia estupenda dos informativos ou a franxa da tarde, que cun equipo reducido tamén a ten. Na noite somos líderes absolutos e nos deportes, por suposto. Damos unha oferta que non dá ninguén. ¿Quen se ocupa da Segunda, Segunda B, Terceira, Preferente, do básquet, do fútbol sala...? ¿Quen o transmite en directo? Unicamente a Radio Galega.

P E falando dos informativos, sempre que goberna o PP hai moitas críticas á pluralidade no ente público ¿Están xustificadas?

R Nesta casa faise un esforzo enorme pola veracidade e a pluralidade. Sempre buscamos o equilibrio. Teñen voz todos os partidos, sindicatos, fundacións... Pero como radio pública somos conscientes de que estamos sometidos a máis esixencias por parte destes axentes. Asumímolo con total normalidade. ¿E hai críticas? Pois si, pero supoño que entra nesa normalidade.

P ¿Márcase algún obxectivo de audiencia a curto prazo?
R Cando cheguei á dirección tiña o reto de traspasar o récord que había entre as dúas emisoras, que era de 212.000 oíntes, e agora acadámolo por 1.000. Agora hai que manterse nestes tempos difíciles, pero claro que me gustaría subir. E  o persoal meréceo moitísimo.

P A TVG e a RG teñen dúas mulleres á fronte. ¿É un exemplo?

R Claro que si. En Galicia temos moi poucas directoras en medios, creo que cinco en total, e dúas estamos á fronte dos medios públicos. Isto debe ser un estímulo para as mulleres. E ademais nesta profesión somos maioría. Nesta casa os cargos directivos están en total paridade: tres mulleres xefas e tres homes. E non é algo buscado, é porque se elixen os mellores.

P Tantos anos na Radio Galega... ¿Entende o seu presente e o seu futuro sen ela?
R Estou case a punto de poderme xubilar, se quero. Estou moi orgullosa de estar aquí tantos anos e penso que a miña vida profesional culmina aquí, na Radio Galega.

P Pero non hai data...
R Pois de momento atópome ben. Mentres teña a confianza do meu director xeral... El será quen teña que pór a data.

Comentarios