Cuando el conselleiro de Cultura promocionó 'Desván de los Monjes' en Fitur

"Hai que ser estúpido para pensar que eu vou dicir Desván de los Monjes", espetoulle o conselleiro Roberto Varela a parlamentaria nacionalista Carme Adán cando esta lle reprochou o emprego de toponimia sui generis na súa intervención en Fitur. Pero as cámaras captaron ao titular de Cultura referíndose dese xeito ao municipio coruñés de Sobrado dos Monxes, e deixou unha perla semellante ao falar de 'Toro' (Touro).


No Parlamento, o conselleiro amosouse tan seguro de non ter empregado tales palabras que lle recomendou á oposición que deixase de "buscar no lixo de internet e dedíquenlle máis tempo a traballar polo país". O que poderían atopar socialistas e nacionalistas son as imaxes do 'lapsus' de Varela, que están colgadas nunha páxina institucional, galiciavensientela.

As redes sociais non foron alleas á polémica, desatada en febreiro con motivo da celebración da feira de turismo. O primeiro en dar conta do acontecido foi o alcalde de Fene, Iván Puentes, que narrou no seu blog a metedura de zoca do conselleiro. En Facebook, o humor domina ás críticas, e xa se creou un grupo que leva por nome Señoras que tampouco saben onde queda Desván de los Monjes e Toro.

O BNG pide unha rectificación pública
A reacción da oposición non se fixo agardar. Desde o BNG, Ana Pontón e Carme Adán emprazaron ao conselleiro Varela a que rectificase publicamente no Parlamento as declaracións nas que negaba ter usado unha toponimia 'traducida' ao español.

Ambas deputadas consideran "lamentable" este panorama, e ven na reacción do popular "unha mostra máis de desprezo pola nosa lingua". Na mesma liña, Pontón e Adán reprocháronlle ao departamento de Cultura da Xunta o seu traballo a prol "de dar titulares que nos acaloran como galegos, mentres non se promove unha verdadeira política cultural".

Comentarios