Requisados case 700 quilos de peixe e marisco nos últimos días en Galicia

Efectivos de Gardacostas tamén se incautaron de 460 útiles e 350 metros de artes de enmalle 
Marisco decomisado en Ribeira. EP
photo_camera Marisco decomisado en Ribeira. EP

Efectivos do servizo de Gardacostas de Galicia requisaron preto de 700 quilos de peixe e marisco, xunto a mais de 460 útiles e 350 metros de artes de enmalle, en diferentes controis realizados nos últimos días no territorio. 

A maioría producíronse na ría de Pontevedra, co comiso de máis de 270 útiles, 350 metros de artes de enmalle retirados e preto de 132 quilos de produtos do mar. 

O operativo máis importante nestas augas permitiu a incautación de 254 nasas a dúas embarcacións por incumprir o horario autorizado, xunto a outras 16 retiradas do mar e que estaban sen identificar. Por mor desta acción, levantáronse actas de presunta infracción e devolvéronse 32 quilos de camarón á auga. 

Outro dispositivo no litoral pontevedrés permitiu o comiso de 50 quilos de diferentes especies (centola, choco, lumbrigante) de tamaño interior ao permitido, e levantáronse as correspondentes actas de presunta sanción aos profesionais identificados. 

Finalmente, un terceiro control realizado entre Sanxenxo, Beluso e Aguete saldouse co levantamento de cinco actas de presunta infracción por distintos incumprimentos da normativa, ademais da incautación de tres útiles, 350 metros de artes de enmalle e 30 quilos de centolla.

OUTROS OPERATIVOS. Doutra banda, un control a unha furgoneta na zona de Carlinas, en Ribeira, permitiu requisar máis de 180 quilos de pescada que non chegaba ao talle mínimo, xunto a outros 220 de pota, outros 37,2 de pescada, 17,5 de cabra, 10,3 peixe espada e 7,2 e lirio que carecían de documentación que avalase a trazabilidade do produto. 

Por todo iso, levantouse acta de presunta infracción ao propietario do vehículo e entregouse o peixe a un centro benéfico próximo. 

Na ría de Vigo, pola súa banda, desenvolvéronse dous operativos: un na enseada de Cangas con 132 nasas e tres quilos de polbo incautados, e outro na praia de Patos con 50 nasas retiradas e dous quilos de cefalópodo. 

Finalmente, un operativo na ría de Ares e A Coruña permitiu requisar seis salabardos e un viveiro, así como 72 quilos de centolla, cinco de nécora, debido a que gran parte dela era de talle inferior. 

Comentarios