Raquel Arias: "Eu non concibo a política sen o contacto coa xente"

Afronta "con ilusión e ganas de traballar" a nova responsabilidade como secretaria da mesa do Parlamento tras oito anos como delegada da Xunta en Lugo, unha etapa na que espera ser útil aos galegos e chegar a acordos con todos
Raquel Arias (Sober,1966)
photo_camera Raquel Arias (Sober,1966)

Que tal leva esta nova etapa na mesa do Parlamento?
Ben, adaptándome a unha ocupación nova con moita ilusión e ganas de traballar, de aprender e tamén de pór en práctica a miña experiencia para tentar facer o mellor traballo como deputada para os galegos e para os lucenses.

Terá que cambiar o chip despois de oito anos de delegada da Xunta.
Hai que cambiar o chip porque o executivo é distinto do lexislativo, pero os dous teñen algo en común: o contacto coa xente. Eu non entendo a política sen ese contacto coa sociedade, xa que se o perdemos non saberemos que é o que precisa e cara a onde convén lexislar. O traballo de deputada, do que ás veces se ten unha imaxe distorsionada, é moito máis que pasar aquí uns días á semana; é tan importante como iso o traballo na rúa, vir cos deberes feitos.

Recibiu algún consello?
De todo o mundo que está aquí o que recibín foi moita axuda e toda a disposición do mundo, o que agradezo, porque cando empezas sempre hai moitas dúbidas, medo a meter a pata...

Agarda unha lexislatura menos belixerante nas formas que a anterior?
Agardo unha lexislatura de menos espectáculo, de traballo, de centrarnos no que interesa e de respecto a unha institución que representa a todos os galegos. A idea do PP é buscar acordos e esperemos que a dos outros grupos tamén.

Pois na mesa xa tiveron o primeiro conflito ao resolver a disputa de despachos entre En Marea e BNG.
A mesa neste caso o único que fai é repartir espazos sen entrar en conflito ningún. É unha cuestión de trámite que non debera influír no que nos ten que ocupar de verdade.

Pediu vostede o posto na mesa?
Non teño por costume pedir! Os que estamos en política temos que ter ideas e ser útiles, e deixar os persoalismos para a vida privada; así que por suposto non pedín este posto. Outra cousa é facer peticións sobre as áreas nas que un prefire traballar, baseadas na formación ou experiencia de cada
un, para poder achegar o máximo.

Ve logo a secretaría da mesa como un premio polo seu traballo?
Eu o que estou é tremendamente agradecida tanto ao presidente da Xunta como ao grupo parlamentario por terme dado este apoio para estar na mesa. Véxoo como unha responsabilidade e tentarei facelo o mellor posible, que ao final da lexislatura se poida dicir: efectivamente, cumpriu co seu labor.

Substitúe a Balseiro no Parlamento e el a vostede na delegación. Como ve esta permuta?
Eu non o vexo como unha permuta, senón como unha coincidencia. A min paréceme que José Manuel Balseiro é unha persoa con moitos coñecementos, cunha traxectoria política importante e que coñece ben a provincia, así que estou convencida de que o fará moi ben.

Teme que se faga unha interpretación política deste movemento en clave do PP lucense?
Temor? Ningún. Creo que cada quen, non só nós os dous, está desempeñando un labor para o que se entende que nese momento pode ser útil. As interpretacións que cada quen queira facer non me preocupan nin me ocupan un momento. O que me preocupa é que poidamos facer un bo traballo.

Que consello lle daría ao seu substituto na delegación?
Non son ninguén para dar consellos, pero si ofrezo todo o meu apoio e colaboración, igual que os recibín eu no Parlamento.

Están curadas as feridas entre os dous bandos do PP lucense, o de Elena Candia e o de vostede?
Eu non falaría de bandos senón de distintas formas de ver os matices, aínda que no que si había coincidencia era no importante e no fundamental. A celebración dos congresos está para iso, para que todos os afiliados poñan sobre a mesa o que crean convinte. Unha vez se celebrou, se votou e
os afiliados se expresaron, nace unha dirección á que todos apoiamos e coa que traballamos.

Témelle a algo?
O que máis me preocupa é que non sexamos capaces de dar resposta a aquilo que demanda a sociedade.

Comentarios