Lunes. 19.11.2018 |
El tiempo
Lunes. 19.11.2018
El tiempo

Rafael Quintía, antropólogo: "Nós sabemos ben se subimos ou baixamos"

Rafael Quintía na oficina da súa editorial, Ad Origine. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Rafael Quintía na oficina da súa editorial, Ad Origine. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Gañador dos premios Vicente Risco e Ramón Piñeiro, o pontevedrés vén de publicar o libro 'Universos simbólicos' 

Un faise antropólogo por vocación?

En realidade, eu son economista, que foi o que estudei, Ciencias Económicas e Empresariais. Pero si, a miña vocación sempre foi a antropoloxía.

Pero ningún neno di que quere ser antropólogo de maior.

Eu non sabía nin que existía a antropoloxía. Pero enseguida o que si dixen é que quería ser arqueólogo, porque o relacionaba con estudar as culturas exóticas ou antigas. O que quizais me influíu máis é que meu pai fose mariño mercante e trouxese para a casa cousas como máscaras africanas ou machetes da selva amazónica. Mesmo lembro que, cando tiña nove anos, me agasallou co libro El descubrimiento de la tumba de Tutankamón, de Howard Carter, que lin rapidamente. Agora non o deben ler nin sequera nas universidades.

O seu traballo está recoñecido cos premios Vicente Risco, Ramón Piñeiro ou Ferro Couselo, entre outros. Son importantes os galardóns no seu ámbito?

A verdade é que si. Cando alguén non está dentro do ámbito universitario ou académico, cando traballa por libre, sen axuda institucional, os recoñecementos son moi importantes. Porque é algo que pagas do teu peto e que sacas adiante con forza de vontade.

Ademais, agora exerce de editor no selo Ad Origine cos seus amigos Miguel Alonso Cambrón, Valentín García Bóveda e Rodrigo Cota. Se os autores din, en xeral, que publicar é difícil en Galicia, no ámbito da investigación antropolóxica serao aínda máis.

Pois si. En realidade, máis que un selo somos unha empresa, que tamén asume cuestións de xestión e produción cultural. Pero efectivamente tamén funcionamos como un selo. O caso é non mancarse.

Universos simbólicos. Olladas ao redor da cultura e da identidade galega é o libro que vén de publicar nese selo.

É unha escolma de artigos, algúns publicados e outros inéditos, nos que vou tocando distintos aspectos do que penso que configura a nosa cultura e, polo tanto, a nosa identidade. O que vén sendo a forma de ver o mundo que ten un pobo. Hai, a maiores, uns capítulos introdutorios que contextualizan un pouco o tema: que é a cultura, a importancia da lingua como vehículo de identidade e a cuestión da mitoloxía, por exemplo.

Coñeces aquilo de 'A veces veo muertos' dunha película? Pois en Galicia todo o mundo, ou case todo o mundo, os ve»

 

Esas dúas cousas que menciona, mitos e lingua, son os piares da identidade galega?

Sen dúbida son cuestións importantísimas. A mitoloxía é a nosa forma de explicar o mundo en clave simbólica. A lingua é o vehículo de transmisión da nosa cultura. Ademais, estrutura o noso pensamento. A lingua reflicte a forma de pensar e de ver o mundo dun pobo. Nós temos 70 palabras para a chuvia. Iso non é unha anécdota, iso defínenos. Onde nós vemos 70 realidades, outros só ven unha.

Repasa no libro "as nosas crenzas máis íntimas". Dígame unha.

Pois, por exemplo, as que teñen que ver coa morte. En Galicia existe unha relación moi estreita con ela. Se ben é certo que hoxe semella que é un tema tabú e que vivimos de costas a ela, que está ben visto chorar cando morre unha estrela do pop, pero lévanse gafas de sol aos enterros para non amosar á dor, tamén o é que seguimos tendo unha relación moi particular cos defuntos. Noutras sociedades, a xente necesita ir ao psicólogo para superar segundo que perda. Aquí a relación cos defuntos, mesmo entre a xente nova, é outra. Téñoo comprobado en clases ou conferencias, preguntar cantos dos asistentes ou alguén directamente relacionado con eles tivo unha experiencia con algún defunto e saírme o 90%. Sabes aquilo de "A veces veo muertos" dunha película? Pois aquí todo o mundo, ou case todo o mundo, os ve. A nosa cultura dótanos dos mecanismos suficientes para integrar a morte e para ver como algo normal a interacción cos defuntos.

E a que temos medo?

Os medos, ao final, son sempre ás mesmas cousas: á enfermidade, á morte... Para enfrontar a enfermidade, a medicina tradicional dótanos dunha chea de mecanismos e rituais. E temos o santoral, que no noso caso é un santoral policlínico, con santos especializados en cada doenza. Iso é algo que aínda está moi vivo. Tamén temos medo en Galicia a que nos movan un marco. Unha sociedade agraria depende do campo. Mover un marco é roubarche a terra e roubarche a terra é roubarche a base da subsistencia.

Cal é o seu mito favorito?

Para min o mito máis importante da cultura galega é o mito da moura. Ese ser feminino é unha reminiscencia dunha antiga deidade que perdura no noso folclore e está estendido por todo o territorio. Inflúe na meteoroloxía, constrúe a paisaxe, dálle nacemento ao río Miño...

E a cuestión definitiva: por que é que os galegos respondemos cunha pregunta?

Que os galegos respondamos cunha pregunta é un sinal do que eu denomino intelixencia adaptativa. Iso permítenos obter un plus de información para despois dar a mellor resposta posible. Facemos o que se chama en economía análise DAFO, que é un mecanismo de toma de decisión empresarial a través do que ti analizas as debilidades e fortalezas tanto túas como da contorna e en base a iso tomas a mellor decisión. Iso de que somos indecisos é unha estupidez absoluta. Nós sabemos perfectamente se subimos ou baixamos, outra cousa é que igual non queiramos que ti o saibas ata que coñezamos as túas intencións.

Rafael Quintía, antropólogo: "Nós sabemos ben se subimos ou baixamos"
Comentarios