A Radio Galega racha o seu teito

De luns a venres, a Radio Galega incrementa un 22 por cento a súa audiencia e suma 35.000 novos oíntes, tal e como sinala a nova ondada do Estudio Xeral de Medios (EXM), dada a coñecer hoxe. Tamén medra Radio Galega Música; creceu un 46 por cento no último trimestre. Entre ambas as canles, a emisora pública galega suma 213 mil oíntes.  

Os datos do EXM reflicten un incremento xeneralizado da audiencia en boa parte dos programas e informativos da RG.

Especialmente significativa é a suba experimentada no Galicia por Diante. Coa incorporación dos Almorzos da Radio Galega, entre as 9 e as 10 da mañá, este espazo duplica a súa audiencia.

Tamén aumentan seguidores as dúas edicións do Aquí Galicia. Triplica a súa audiencia a edición das 7 da tarde con Sevi Martínez e aumenta, tamén, número de oíntes a emitida á 1 do mediodía. A Crónica non queda atrás e suma novos seguidores, tanto no treito informativo, como na franxa de tertulia.  

En deportes, o Galicia en Goles, de luns a venres, segue a súa tendenza á alza e na fin de semana é líder de audiencia nalgunha das franxas horarias.  

É tamén líder de audiencia en Galicia no acumulado do último ano o Pensando en ti en tódalas horas de emisión, dende as 2 as 6 da madrugada. A Radio Galega consolida así a segunda posición entre as radios que emiten en Galicia.

Comentarios