As queixas por vulneración de dereitos no uso do galego duplicáronse en 2021

As administracións públicas e, principalmente o Sergas, acumulan o maior número de queixas tramitadas pola Mesa pola Normalización Lingüística
Presentación dos resultados do informe correspondente ao servizo A Liña do Galego. A MESA
photo_camera Presentación dos resultados do informe correspondente ao servizo A Liña do Galego. A MESA

As queixas por vulneración de dereitos lingüísticos no uso do galego duplicáronse en 2021 respecto ao ano anterior, segundo A Mesa pola Normalización Lingüística, que presentou, na sede da Deputación da Coruña, os resultados do informe correspondente ao seu servizo A Liña do Galego. 

Trátase dun servizo que ofrece A Mesa para atender consultas sobre dereitos lingüísticos e a través do que se tramitan tamén queixas cara a institucións ou empresas que vulneren os mesmos, segundo lembraron os participantes na comparecencia. 

Nela, estiveron, entre outros, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira; a secretaria xeral da Mesa, Celia Armas, e a deputada provincial María Muíño. 

Segundo recolle o citado informe, a entidade tramitou a través de chamadas, correos electrónicos e da app de A Liña do Galego un total de 601 expedientes, dos que 488 foron queixas, 55 consultas e 58 felicitacións. O ano anterior, foron 350 expedientes, deles 219 queixas e 20 consultas.

 

QUEIXAS SOBRE O SERGAS

As administracións públicas e, principalmente o Sergas, acumulan o maior número de queixas tramitadas pola Mesa. Celia Armas precisou que "a maior parte son corrixidas polas institucións e empresas privadas", aínda que sostivo que o número tramitado "evidencia que non só A Liña é unha ferramenta exitosa senón que cada vez é máis necesaria". 

A maioría das queixas, segundo o informe, derivan da falta de atención oral e escritura en galego, da sinalización e rotulación dos establecementos exclusivamente en español e da deturpación de toponimia galega nas comunicacións escritas e nas páxinas web das empresas. 

Pola súa banda, o presidente da Mesa sostivo que o informe reflicte unha "mínima" parte de casos ao haber máis que non se denuncian, segundo apuntou. Á súa vez, a deputada provincial cualificou de "preocupante" a situación do galego e defendeu a necesidade de iniciativas deste tipo. 
 

Comentarios