PSdeG e BNG presentan o acordo de goberno en Pontevedra

O acordo de goberno para o concello de Pontevedra é por fin unha realidade, case dous meses despois das eleccións municipais e poucos días antes do freo da actividade política polas vacacións de verán. O alcalde da cidade do Lérez, Minguel Anxo Fernández Lores, e a cabeza de lista da candidatura do PSdeG pontevedrés, Teresa Casal, presentaron esta mañá o acordo programático sobre o que asentarán o goberno de coalición dos próximos catro anos.

Esta mañá rematáronse de aclarar os últimos puntos do acordo e foi presentado ante os medios un documento de seis folios que resume as bases políticas e organizativas que rexerán o goberno municipal de Pontevedra durante esta lexislatura. Segundo explicaron os dous líderes políticos, "hai acordo total no funcionamento do concello e nos principios programáticos".

Segundo explicaron os representantes municipais, a finais desta semana asinarase formalmente este acordo, pechado hoxe, e será na seguinte xunta ordinaria do goberno municipal cando se faga o reparto de concellerías e áreas de goberno, que aínda é unha incógnita.

'Unha base sólida'
Fernández Lores destacou a importancia dun acordo “que dá resposta á maioría social dos pontevedreses que desexan un goberno estable, solidario e eficaz”, e comprometeuse a dar un novo impulso para que este bipartito “teña unha maior iniciativa, capacidade de xestión e eficacia”.

Pola súa banda, Teresa Casal, que ostentará a única tenencia de alcaldía, resaltou que o importante non é o que se tardou en acadar este acordo, “senón chegar con bases sólidas para formar un goberno estable, forte e cohesionado”, e poder corrixir os erros cometidos durante o pasado mandato, “para o cal quedaron redactados no documento todas esas cuestións”.

Obxectivos
PSOE e BNG acordan neste documento a elaboración dun “ambicioso pero realista” Plan de Actuación Municipal 2007-2015, que marque as liñas de actuación do goberno municipal e que recolla as aportacións de diferentes colectivos económicos e sociais, asociacións de veciños, grupos políticos, técnicos municipais, así como as previsiones de inversión doutras administracións.

Esta actuación completarase coa aprobación dun plan de actuacións urxentes para por en marcha nos primeiros cen días de goberno, centrados sobre todo en infraestruturas e equipamentos. Para a súa elaboración, cada concellaría presentará un informe sobre as necesidades máis apremiantes da súa área de responsabilidade.

Comentarios