Última oporturnidade para pechar o 'acordo marco' entre o PSdeG e o BNG

Ricardo Varela e Francisco Jorquera, tras unha nova reunión de cara ao parcto para os concellos (Pepe Ferrín, AGN)
photo_camera Ricardo Varela e Francisco Jorquera, tras unha nova reunión de cara ao parcto para os concellos (Pepe Ferrín, AGN)

A de onte foi a penúltima vez que se produce unha reunión da comisión negociadora que integran delegacións do PSdeG e BNG para alcanzar un "acordo marco" que sexa a base dos pactos locais en máis de 70 concellos galegos. Así o deixaron entrever o nacionalista Francisco Jorquera e o socialista Ricardo Varela, ó saír dun encontro que se prolongou durante dúas horas e media.

Ambos sinalaron que a cita de hoxe será decisiva para determinar se hai ou non un pacto que poida aplicarse a todos os municipios galegos, se ben todo apunta a que será así, pois os dous aludiron ós avances que se están producindo nesta negociación.

Jorquera afirmou que houbo "avances en aspectos importantes" aínda que seguen existindo puntos de disenso que remataranse de limar hoxe. Nos mesmo termos falou Ricardo Varela, que se amosou convencido de que pese ás diferenzas "camiñamos cara un posible acordo" que, con toda probabilidade, materializarase hoxe.

En todas as cidades
O obxectivo que perseguen con este acordo non é outro que sentar as bases dos futuros gobernos de coalición que se establezan en cidades e outros concellos nos que as dúas forzas poden gobernar conxuntamente e non de xeito individual.

O socialista referiuse, nesta liña, a que "temos vontade e interese en que o acordo de Goberno se aplique a tódalas cidades", coa fin de conformar gobernos "estables". Isto inclúe polo tanto ás cidades, varios concellos galegos e "ás deputacións da Coruña e Lugo".

Unha negociación con ruptura e diferenzas
As negociacións avanzan agora, segundo din os seus protagonistas, a bo ritmo, pese ós tres días nos que permaneceron paralizadas, a causa da ruptura derivada das diferenzas entre uns e outros.

Entre os puntos que estaban sobre a mesa e ocasionaron máis disensos, era a esixencia do BNG de que se establecesen coalicións nas que se distinguisen dúas referencias políticas. Para isto propoñen que se o alcalde é socialista, o número dous sexa nacionalista, e viceversa.

Máis aló do reparto de poder tamén existen problemas referentes a cuestións programáticas, en temas como o papel que deben cumprir os concellos en políticas sociais, de emprego ou normalización lingüística.

Polo momento non hai acordo e as negociacións continuarán hoxe, cando se decidirá, probablemente, se o BNG e PSdeG van da man cara os gobernos de decenas de municipios ou se se quedan polo camiño.

Certo pesimismo
Con todo, os "avances" que socialistas e nacionalistas reiteran cada vez que conclúe unha reunión da comisión negociadora do "acordo marco" non o son tanto máis aló dos micros. Se ben é certo que na cita de hoxe se xoga o si ou o non para crear este pacto nacional, tamén o é que a delegación do BNG acode a este encontro cun "total pesimismo e decepción".

Fontes consultadas por AGN aseguran que o pacto non é fácil, polas diferenzas e incluso certa ruptura en principios de acordo que se acadaran en reunións anteriores. Unha idea que teñen clara os nacionalistas é a "falta de vontade política real para chegar a un acordo". O BNG afirma que "cando se negocia as dúas partes teñen que ceder en algo para chegar a un punto de encontro", pero asegura non detectar esta mesma intención nas filas socialistas.

Comentarios