G. Formoso: "O proxecto de Caballero naceu coxo porque ao non integrar deixou fóra a medio PSdeG"

O alcalde de As Pontes confesa que o mal resultado das autonómicas de 2020 foi o detonante que o levou a dar un paso á fronte. "Sería unha irresponsabilidade calar" vendo a "falla de conexión coa sociedade" que houbo, di, convertido en candidato nas primarias á Secretaría Xeral do PSdeG. Agora, quere espertar o talento durmido dun partido demasiado centrado "en leas internas" e que ten un discurso "de resignación".
A Coruña
Valentín González Formoso candidato a liderar o PSdeG
21/10/2021
Foto: Moncho Fuentes / AGN A Coruña
photo_camera Valentín González Formoso (As Pontes, 1971), na Coruña. MONCHO FUENTES (AGN)

Como vai a campaña? 
Teño unha sensación moi boa, que se converte en combustible para este esforzo. Hai empatía, conexión e compartimos practicamente a integridade das propostas que facemos por Galicia adiante. Levámolo francamente ben. 

E será útil a campaña? 
No PSdeG os votos parecen moverse máis por filias e fobias que por programas. Non se trata tanto de programas como de percorrer as agrupacións de Galicia. E por iso achaco a esta dirección que tentase acurtar o prazo das primarias para coartar a participación dos compañeiros. Incluso tentaron facelas o 26 de setembro, co cal xa nin habería opción de competir. Menos que o PSOE é garantista e o comité federal paralizou esa petición. É unha mágoa non ter tempo a ir aos 313 concellos, pero alá onde chegamos vemos que a totalidade dos compañeiros comparte que a mensaxe electoral ao PSdeG nas autonómicas foi rotunda: a xente colle a papeleta vermella nas xerais, nas municipais e nas europeas, pero non a colle nas autonómicas. Hai que reflexionar. 

Minimizou a dirección galega ese resultado electoral? 
Escoitamos unha valoración falta de autocrítica, que dá por bo subir un 0,2%, ver pasar por diante 14 deputados que cambian de sitio sen optar a ningún e ser relegados a terceira forza. E iso nun contexto moi favorable para o PSOE, tras a vitoria das xerais e as europeas e cos gobernos das cidades, tres deputacións e a Delegación do Goberno. A visión da dirección do PSdeG é totalmente errada. 

Vostede rebaixou o ton na campaña e o seu rival confronta de forma máis directa. Agardaba iso? 
O bo das primarias entre dous compañeiros que levamos tanto no partido é que non hai que prometer nada que non poda ser contrastado co que fixemos estes anos. O ADN de Gonzalo está impreso na fotografía da executiva e o comité galegos, onde por primeira vez na historia non hai unha integración mínima do seu rival. Iso é dividir o partido e o proxecto nace coxo porque falta a metade do PSdeG. E pódese contrastar iso coa executiva provincial, onde gañamos folgadamente e ao día seguinte a compañeira que era alternativa estaba como secretaria de cultura da nosa executiva, o seu número dous de administrador provincial e o número tres de coordinador electoral. Iso chámase integración efectiva e non basta con falar dela, hai que crer nela. 

Hai que reflexionar por que os galegos collen a papeleta vermella en locais, xerais e europeas pero non nas autonómicas

Fará o mesmo a nivel autonómico se gaña as primarias? 
A miña intención é esa, aínda que as dúas partes se teñen que querer integrar. Eu quero contar con todo o mundo polo seu talento e valía, non en función de a quen apoiou nas primarias. 

Nunca se deixou ver moito con Caballero. Non hai feeling? 
Feeling persoal si, pero as diferenzas no modelo de partido son enormes. Por exemplo cando convocou primarias para elixir candidato á Xunta para que ninguén se puidese presentar, baixo a excusa da suposta urxencia de Feijóo para adiantar uns comicios que logo tardaron dous anos. Ou a súa interferencia na conformación de listas na provincia da Coruña por primeira vez na historia, incorporando compañeiros que non foron votados nas asembleas. Son xestos irrespectuosos que afondan na división e tamén son a semente para que os galegos non nos vexan como unha alternativa seria. 

Estará Formoso nas primarias á candidatura para a Xunta? 
A miña intención é que si. Pero está ben formulada a pregunta, porque case sempre se pregunta se serei candidato á Xunta, cando iso é algo que deben decidir os compañeiros. Eu ao que si me comprometo é a fomentar a participación nas primarias e a facelas con tempo suficiente para todos. 

E Besteiro podería estar nelas? 
É un compañeiro e amigo que sufriu unha persecución inxusta e a percepción unánime no partido a nivel galego e federal é que é moi válido. Pero el mesmo admite que o seu tempo político pasou, así que non creo que haxa que traelo a colación permanentemente. 

Se gaña vostede o líder do partido estaría de novo fóra do Parlamento. Pode asumir isto o PSdeG? 
Entendo que si. Se temos en conta que Pedro Sánchez foi secretario xeral elixido en primarias e estaba fóra do Congreso non creo que iso sexa ningún obstáculo para ser candidato á Xunta. A política non se circunscribe ao Parlamento. 

Veñen do congreso federal de Valencia. Falou vostede con Ferraz? Caballero di que o único interlocutor de Galicia con Sánchez foi el.
Pois se a interlocución consiste en ter a mesma representación que Melilla é síntoma de moita febleza, que está relacionada en realidade coa falta de apoio social do PSdeG. No congreso federal impúlsanse os territorios que teñen o apoio da xente e cando os resultados non acompañan, como é o caso do PSdeG, o respecto a nivel federal redúcese enormemente. 

No seu decálogo propón darlle unha boa volta ao PSdeG. 
Sobre todo estou moi ilusionado para que non se repita unha etapa onde non existiu coordinación. A única vida orgánica do PSdeG foron as leas internas no canto de compartir asuntos de país coa enorme representación institucional que temos, con 111 alcaldías, 1.300 concelleiros, presidentes de deputacións, deputados... É fundamental tratar isto nunha coordinadora nacional onde esteamos todos presentes e tamén replicar os modelos provinciais creando consellos do mundo municipal. 

Adiantar as primarias dous anos e interferir nas listas electorais son xestos que dividen e que danan a imaxe do partido

É recuperable a distancia co BNG? 
O obxectivo do PSdeG é gañarlle a Feijóo. O discurso da secretaría xeral de non dar por mala unha suba electoral do 0,2%, de dicir que Galicia é territorio PP ou de afirmar que temos capacidade para superar o BNG é o da resignación; e temos que facer un discurso revolucionario, de insurrección. Podemos gañar as eleccións en Galicia, porque o país apostou por gobernos socialistas nas cidades, provincias, España e Europa, así que non asumo que non se poida lograr a nivel autonómico. E seremos quen de facelo se aglutinamos todo este talento durmido. 

Cando decide presentarse ás primarias e cal é o detonante? 
O detonante foron os resultados das autonómicas, onde a percepción social era dunha enorme desconexión coa sociedade galega. É frustrante analizar o comportamento electoral do teu pobo e ver que se aposta polo PSOE sempre menos nas autonómicas. Calar iso é unha irresponsabilidade. Poucos días despois escoitei a moitos compañeiros e tomei a decisión, porque compartían a mesma reflexión ca min: que Galicia nos daba as costas e que non era normal esa desconexión que tiveramos nas autonómicas. 

No sur é vostede menos coñecido. Que tal o tratan? 
Francamente ben. Estou moi contento cada vez que vou a Ourense ou Pontevedra porque en cada agrupación, pequena ou grande, aprendo. Igual que na Coruña, onde xa coñezo moita xente, ou tamén en Lugo, por cercanía. 

Que tal relación ten con Vigo? 
Moi boa. De respecto, como con Lugo, A Coruña, Santiago... Tamén aprendo moito dunha figura como Abel, que é referencia municipal e está facendo un traballo espectacular na FEMP. Igual que teño unha relación de cordialidade e amizade con Carmela Silva. 

Concello, Deputación e agora primarias. Durme no coche? 
Cústame moito porque vou con compañeiros marabillosos e cando non falamos uns falan outros, así que é imposible durmir [ri]. 

Faise duro? 
Non, é ilusionante. O duro é ver pouco os nenos. Eu recoñezo o esforzo persoal que fai Gonzalo coa familia desde hai catro anos, que agora percibo de forma directa. 

Dará un paso atrás se perde? 
Non. Xa perdín as primarias provinciais de 2011, pero aquilo valeu para aprender, para coñecer moita xente e anos despois ser secretario provincial. 

O primeiro que fará se gaña é... 
Pasar unha tarde coa familia.

Comentarios