miércoles. 01.12.2021 |
El tiempo
miércoles. 01.12.2021
El tiempo

As primeiras neves do outono xa están aquí

Neve na estación de Cabeza de Manzaneda. FACEBOOK
Neve na estación de Cabeza de Manzaneda. FACEBOOK
As baixas temperaturas, por debaixo de cero nalgunhas zonas altas, propician que A Montaña de Lugo e en Ourense reciban as primeiras folerpas

Na Montaña de Lugo e, máis aínda, en zonas altas da provincia de Ourense recibiron este mércores as primeiras folerpas do outono. As previsións de Meteogalicia xa anunciaban que, nunha xornada na que os termómetros rexistrarían un lixeiro descenso, as precipitacións serían en forma de neve nos cumios máis altos. E así foi, e pode volver ocorrer este xoves.

O inicio de novembro deixa así as primeiras imaxes brancas da temporada, especialmente brancas en Cabeza de Manzaneda. Alí, segundo informou a TVG, os traballadores da estación de montaña xa estaban traballando na preparación da apertura a finais de mes e víronse sorprendidos pola nevarada da pasada noite. De feito, os termómetros caeron ata alí ata os -2,2 graos. Só na Veiga, tamén en Ourense, baixaron máis este mércores en Galicia, ata os -2,5.

Os datos de Meteogalicia constatan que as temperaturas tamén baixaron por debaixo de cero nalgúns puntos de Lugo: a mínima nos Ancares foi de -0,3 e no Alto do Poio, de -0,2. Así é que na Montaña de Lugo tamén asomaron as primeiras neves.

Segundo Meteogalicia, o motivo do descenso das temperaturas é a entrada dunha masa de aire ártico marítimo que provocaron que as zonas altas alcancen valores "moi baixos", situación que podería repetirse na noite do mércores ao xoves. De feito, en moitos puntos de Galicia as máximas non chegaron aos dez graos, situación que cambiará a partir do venres, debido á influencia anticiclónica. 

Polo momento, responsables da xestión da estación de Manzaneda confirmaron que xa iniciaran os preparativos para a posta a punto das instalacións para encarar a temporada invernal. "As primeiros folerpas, que chegan co mes de novembro acabado de estrear, animan a ser optimistas aos amantes deste deporte e, se a climatoloxía o permite, os descensos en esquís poloas súas montañas poderán disfrutarse a partir do sábado 27 e ata o 17 de abril de 2022", sinalan nun comunicado.

As primeiras neves do outono xa están aquí
Comentarios