As primarias de En Marea fíxanse do 22 ao 24 de decembro

Podemos, EU e Anova ameazan con retirarse do proceso 

Luís Villares. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Luís Villares. PEPE FERRÍN (AGN)

A comisión de garantías acordou este mércores levantar a suspensión sobre as primarias de En Marea despois de o 1 de decembro se paraliza a votación, que o comité electoral fixou a continuación para os días 22, 23 e 24 deste mes tras a aplicación dun novo sistema que foi probado con éxito.

Con todo, o sector crítico pon pegas ao novo sistema, xestionado por diferentes empresas ás que ata hai uns días se encargaban tanto do censo do partido como das votacións telemáticas. Fontes próximas ao sector crítico sinalan que o novo sistema está orientado a favorecer os intereses da dirección actual que encabeza Luís Villares, actual portavoz e que se presenta ao proceso baixo a candidatura continuista Coidando a Casa. 

Así, os críticos (agrupados ao redor da candidatura Entre Todas, na que participan Podemos, Anova, EU e as mareas de Ferrol, Santiago e A Coruña) consideran que o sistema de verificación da identidade e da seguridade do voto é "moi engorroso" e sobreentenden que o fin último que persegue é desmovilizar ás bases. E é que os inscritos de En Marea deberán realizar un proceso no que recibirán ata catro sms para verificar a súa identidade, resetear os seus contrasinais e, por último, confirmar o seu voto. 

Ademais, na tarde deste mércores Podemos Galicia, Anova e Esquerda Unida emitiron senllos comunicados nos que cargan con dureza contra Luís Villares e a dirección de En Marea, aos que acusan de "golpistas", de incorrer en "unha fraude" nas primarias e de sumir á organización nunha situación " esperpéntica". Ademais, ameazan con abandonar as primarias se non se "restauran" os "mínimos democráticos" en En Marea.

Comentarios