Preparan os Franco o baleirado de Meirás?

A Xunta lembra que o traslado dos bens de interese cultural que haxa no pazo, como son as estatuas de Abraham e Isaac, debe ser autorizado por Cultura
Esculturas de Abraham e Isaac. EP
photo_camera Esculturas de Abraham e Isaac. EP

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade lembra que a lei galega de patrimonio cultural establece que o traslado de bens de interese cultural (BIC), como o son as estatuas de Abraham e Isaac que atesoura a familia de Francisco Franco no Pazo de Meirás, "debe ser autorizado" polo departamento competente da Xunta. 

Así o asevera a Consellería a través dun comunicado no que advirte que a declaración como BIC supón "obrigas legais" para os seus propietarios –os herdeiros do ditador, neste caso–, como a "obrigatoriedade de comunicar previamente calquera posible traslado". Polo momento, isto "non consta" na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. 

As estatuas de Abraham e Isaac forman parte dun conxunto de nove esculturas atribuídas ao Mestre Mateo procedentes da desaparecida portada occidental da Catedral de Santiago de Compostela e distinguidas como BIC pola Xunta en 2019. 

Cabe lembrar que ambas as estatuas foron obxecto de litixio entre o Concello de Santiago e os herdeiros de Franco. No entanto, tanto o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 41 de Madrid como a Audiencia Provincial deron a razón á familia do ditador e tan só queda a vía do recurso ao Tribunal Supremo. 

Sexa cal for a súa titularidade, a declaración das esculturas como BIC leva o deber de conservación, acceso, comunicación, o dereito de tenteo e retracto, así como o deber de habilitar un tempo de visita pública. 

De feito, a Xunta lembra que a lei galega de patrimonio cultural de 2016 establece que o traslado de bens mobles con esta declaración "debe ser autorizado pola Consellería competente en materia de patrimonio cultural e anotado no rexistro de BIC". 

Ademais, os responsables deben indicar "a súa orixe e destino, o carácter temporal ou definitivo do traslado e as condicións de conservación, seguridade, transporte e, se é o caso, aseguramento".

BALEIRADO DE MEIRÁS. Este recordatorio por parte do Goberno galego ocorre despois de que o diario La Razón publicase este sábado que os Franco ultiman os detalles para baleirar o Pazo de Meirás –onde se atopan as estatuas– e devolvelo ao Estado antes do 10 de decembro, tal e como o estableceu esta semana un xulgado da Coruña. 

Precisamente, o deputado autonómico do BNG Luís Bará avisaba este mesmo sábado dunha operación de mudanza na que participan entre 40 e 50 camións de transporte para trasladar numerosos cadros, tapices e todo tipo de elementos da biblioteca de Emilia Pardo Bazán desde Meirás a outras propiedades da familia do ditador. 

Por isto mesmo, instaba o Goberno galego a recorrer á xustiza para solicitar a aplicación de medidas cautelares co fin de evitar outro "espolio franquista".

Comentarios