Miércoles. 21.11.2018 |
El tiempo
Miércoles. 21.11.2018
El tiempo

O PPdeG empeza a desvelar o seu apoio a Casado nas primarias

Alberto Núñez Feijóo (izquierda) y Pablo Casado, este miércoles en Santiago. XOÁN REY (EFE)
Alberto Núñez Feijóo (izquierda) y Pablo Casado, este miércoles en Santiago. XOÁN REY (EFE)

Os compromisarios que votarán o próximo sábado comezan a dicir por quen se decantan. En Galicia, algunhas fontes falan de que o apoio ao candidato palentino será maioritario

Os apoios que recibirán tanto Pablo Casado como Soraya Sáenz de Santamaría na votación deste sábado nas eleccións primarias do PP van saíndo pouco a pouco. En Galicia, as opinións dos baróns provinciais vanse coñecendo, como é o caso de Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, que se decantará por Soraya Sáenz de Santamaría, ou de Diego Calvo, presidente da Deputación de A Coruña, que votará por Pablo Casado.

Twitter converteuse nas últimas horas na vía empregada por cargos do PPdeG para manifestar as súas preferencias, unha batalla nas redes na cal Pablo Casado leva, polo momento, vantaxe numérica en canto aos populares galegos que decidiron apoialo. "Crecín no PP. Pegado carteis, repartido publicidade, celebrado vitorias e lamentado derrotas. Creo na renovación continua, no feito e no que queda por facer. Quero sumar, seguir ilusionándome. Por iso, votarei a Pablo Casado", escribiu Calvo.

Pola súa banda, Baltar sumou este mércores un novo tweet de apoyo a Sáenz de Santamaría: "Felicítoa pola súa campaña en positivo, actuando a favor e nunca en contra de ninguén. ACTITUDE. Recoñézolle auctoritas, potestas e dignitas...un cursus honorum que debe seguir ampliando polo ben de España. Formación, preparación, xestión..FUTURO. Eu con Soraya".

No entanto, outros populares da súa provincia decantáronse nesta mesma rede social por Pablo Casado, como os deputados no Congreso Ana Belén Vázquez Blanco e Celso Delgado. Si secundou a opinión do seu presidente provincial a favor de Santamaría o deputado no Congreso Miguel Ángel Viso. 

Elena Candia é a única presidenta provincial do PPdeG que aínda non se decantou públicamente por un ou outro candidato

Pola súa banda, o presidente do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, preferiu retuitear tanto o pronunciamento expreso a favor de Casado do seu homólogo da Coruña, como os apoios ao exvicesecretario de comunicación do PP da portavoz popular no Concello de Vigo, Elena Muñoz, do presidente do PP da cidade do Lérez, Rafael Domínguez, e do predecesor deste, Jacobo Moreira. 

Pero tamén da provincia de Pontevedra, a deputada no Congreso e expresidenta do Parlamento galego, Pilar Rojo, persoa do círculo de amizades de Mariano Rajoy, decidiu apoiar a Soraya Sáenz de Santamaría no vídeo #ahoraunamujer.

LUGO. Polo momento non se pronunciou publicamente a presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, pero o deputado por esta provincia Jaime de Olano optou por Pablo Casado e mesmo colgou en redes un vídeo no que destaca que aos populares failles falta "recuperar a ilusión" e que esta a representa o exvicesecretario de Comunicación. 

O portavoz do PP no Senado, José Manuel Barreiro, amosou durante estes días a súa preferencia por Sáenz de Santamaría. O popular lucense Joaquín García Díez desvelou este mércores o seu apoio a Pablo Casado, tamén a través de Twitter.

Outros cargos do PP que se pronunciaron esta tarde este mércores a favor de Pablo Casado son o membro do Comité Executivo Nacional do PP Javier Dorado ou a portavoz do PP no Concello da Coruña, Rosa Gallego. 

FEIJÓO SONDARÁ AOS PRESIDENTES. Non en balde, o xefe de filas dos populares, Alberto Núñez Feijóo, manifestou na mañá deste mércores que de aquí ao venres sondará aos presidentes provinciais para coñecer a quen apoia a "maioría" dos compromisarios galegos no Congreso.

Con todo, non quixo precisar se desvelará o seu apoio particular e, é máis, manifestouse en contra de empregar a condición de "preeminente" como presidente para influír ou condicionar o apoio dos compromisarios que, ao cabo, votan en segredo en urna. Mentres os prazos corren, apuráronse os contactos e o pasado luns a exsecretaria xeral do PP, María DoLOres de Cospedal, que quedou fóra da contenda na primeira volta pero a quen a militancia galega apoiou de forma maioritaria, deu o seu respaldo expreso para Pablo Casado.

Alberto Núñez Feijóo, manifestou na mañá deste mércores que de aquí ao venres sondará aos presidentes provinciais

Precisamente, o exvicesecretario de Comunicación do PP dixo este mércores que no seu proxecto "cabe todo o mundo", incluída Soraya Sáenz de Santamaría, e afirmou que o presidente do PPdeG e da Xunta é unha "referencia imprescindible" e ten que ter un "papel nacional relevante".

Ademais, este pasado martes Casado e Santamaría reuníronse en Génova durante uns 40 minutos pero dese encontro non transcendeu ningún acordo. En días pasados, Feijóo mostrouse partidario da unidade, aínda que matizou que podería chegar nas vésperas ao conclave ou inmediatamente despois da fin de semana congresual.

"A MIÑA OBRIGACIÓN É FALAR COS PRESIDENTES". "A miña obrigación é falar cos presidentes provinciais do meu partido en Galicia e que, despois de contactar cos compromisarios, me digan o que os compromisarios lles concretan e refiren", manifestou Feijóo en declaracións aos medios este mércores.

Así, o presidente autonómico apelou a que contactará coas provincias coa "tranquilidade e o acougo que merecen estas cousas". "O importante é que o sábado teñamos un novo líder no Partido Popular e xa anticipo que Galicia se vai pór á orde que o conxunto de compromisarios e congresistas en urna, decidan quen vai ser o noso novo líder ou lideresa", expresou.

"O importante é que o sábado teñamos un novo líder no Partido Popular e xa anticipo que Galicia se vai pór á súa orde", sinalou Feijóo

O dirixente autonómico, que este martes estivo en Madrid para reunirse co presidente do Goberno, insistiu na mañá deste mércores en que "non hai ningunha novidade" do até agora devandito e subliñou que en dous días poderase coñecer a opinión maioritaria dos compromisarios. En urna na primeira volta, gañou María Dolores de Cospedal na media galega e en tres das catro provincias (A Coruña, Lugo e Pontevedra), mentres que Casado quedou situado como segundo máis votado e Santamaría venceu en Ourense.

SOBRE PABLO CASADO. Neste escenario, e preguntado sobre as voces que apuntarían que el pediría o voto para Pablo Casado, Feijóo desmentiuno. "Non é certo porque, en primeiro lugar, paréceme unha falta de respecto que eu lle pida algo a alguén. O que si vou escoitar o que os compromisarios me queiran dicir e o que si é que imos ser moi respectuosos coas decisións dos compromisarios", contestou.

Feijóo quixo destacar que este partido é "democrático, adulto e responsable". "E por tanto, non me parece que un dirixente autonómico, ou outro dirixente, deba utilizar a súa preeminencia no cargo para influír, para determinar e para presionar a ningún compromisario", salientou o presidente dos populares galegos, que na campaña interna da primeira volta do proceso interno recibiu ao seis aspirantes a presidir o PP.

Feijóo quixo destacar que este partido é "democrático, adulto e responsable"

"Non o fixemos así na primeira volta, non o imos facer así. O que si quero saber é a maioría dos compromisarios galegos, dos compañeiros e compañeiras que van ao congreso, cal é a súa opción. Iso si que me interesa sabelo", remarcou Feijóo, quen indicou que é "a súa responsabilidade saber o que van facer os compromisarios galegos".

ATÉ O VINDEIRO VENRES. "E diso voume enterar entre o día de hoxe (por este mércores) e o vindeiro venres", reiterou Feijóo, quen preguntado por se o día antes do congreso se coñecerá o seu voto, contestou que o que se poderá saber é "o que vai votar a maioría dos compromisarios galegos".

En calquera caso, existe unha conta en Twitter coa designación @GaliciaConCasado que ten 1.344 seguidores e na que se fai eco dos apoios públicos que este político vai solicitando nesta comunidade na súa pugna con Sáenz de Santamaría. 

Galicia contará na cita congresual do venres e o sábado con 327 compromisarios, 279 deles electos, e repartidos da seguinte forma: 84 de Pontevedra, 78 da Coruña, 73 de Ourense e 44 de Lugo. 

O PPdeG empeza a desvelar o seu apoio a Casado nas primarias
Comentarios