Martes. 20.11.2018 |
El tiempo
Martes. 20.11.2018
El tiempo

O PP rexeita modificar a lei da CRTVG e fixar prazos para desenvolvela

Sánchez Izquierdo. LAVANDEIRA JR. (EFE)
Sánchez Izquierdo. LAVANDEIRA JR. (EFE)

O PSdeG instaba a modificar a actual lei de medios públicos autonómica e fixaba prazos para terminar de desenvolvela

O Parlamento de Galicia rexeitou este martes, cos votos en contra do PPdeG, a toma en consideración dunha proposición de lei do PSdeG -apoiada polo conxunto da oposición- que instaba a modificar a actual lei de medios públicos autonómica e fixaba prazos para terminar de desenvolvela.

A iniciativa socialista marcaba uns prazos máximos de seis meses para consolidar o desenvolvemento deste texto normativo en aspectos aínda por acometer como a redacción dun estatuto para os traballadores, a creación dun consello de informativos ou o nomeamento por maioría parlamentaria cualificada do director da corporación.

De forma adicional, incluíase un apartado que establecía un investimento mínimo do 6% por parte da CRTVG para promover e impulsar o sector audiovisual galego.

Con todo, a proposta non saíu adiante despois de que a representante do PPdeG, Raquel Arias, considerase que a actual xa é unha "boa lei" que se adecúa ás "novas esixencias do sector e dun mercado cada vez máis dinámico e innovador".

Do mesmo xeito, defendeu que se deron varios pasos nos últimos anos para o seu desenvolvemento e que a norma garante a "independencia" e "profesionalidade" dos medios públicos, a diferenza do que o PSOE e Podemos tratan de establecer para a dirección de RTVE en Madrid.

Arias asegurou que o Goberno galego "en ningún momento" quixo intervir nos nomeamentos e o funcionamento do ente público e que "para o grupo popular os medios de comunicación públicos son dunha independencia innegociable"; unha sentenza que mereceu apupos e risas desde a bancada da oposición.

A esta intervención respondeu o deputado do PSdeG encargado de presentar esta iniciativa, Luís Álvarez, que se indignou coas palabras da parlamentaria popular ata chegar a preguntarlle "como se atreve a dicir que non hai inxerencia política na radio e televisión galegas".

Nese momento, Álvarez sacou dúas imaxes nas que se recollían un suposto caso de manipulación informativa nos telexornais da TVG e pediu explicacións. 

En todo caso, o portavoz socialista insistiu en que a súa proposición de lei foi presentada e exposta con espírito de "consenso" e lamentou a "falta de éxito" á hora de alcanzar o mesmo.

A proposta si atopou o respaldo dos grupos da oposición, que lle brindaron o seu apoio e expresou a súa coincidencia, con matices, cos motivos esgrimidos para elaborala; ademais de trasladar, tanto desde En Marea como desde o BNG, a súa solidariedade coas protestas dos traballadores polos casos de manipulación informativa denunciados.

O PP rexeita modificar a lei da CRTVG e fixar prazos para desenvolvela
Comentarios