O PP non atopa apoios ás principais medidas de Feijóo no Debate da Autonomía

O PPdeG sacou adiante en solitario a gran maioría das súas propostas, aínda que o PSdeG si accedeu a apoiar algunha delas en temas de menor calado

Alberto Núñez Feijóo, no Parlamento galego. LAVANDEIRA JR. (EFE)
photo_camera Alberto Núñez Feijóo, no Parlamento galego. LAVANDEIRA JR. (EFE)

O Debate Anual de Política Xeral de Galicia concluíu este xoves coa votación das propostas de resolución presentadas polos distintos grupos parlamentarios, na que a oposición evitou apoiar as principais medidas anunciadas polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante a súa intervención na primeira xornada do debate.

A votación deste xoves pola mañá puxo de manifesto que as liñas mestras que debullou o máximo mandatario durante a súa intervención o pasado martes non lograron convencer á oposición -En Marea, PSdeG e BNG-, o que obrigou a apoiar só cos votos do grupo maioritario as liñas estratéxicas que Núñez Feijóo pretende que marquen ás próximas xeracións.

Nin a súa proposta de rebaixas fiscais, nin a súa intención de continuar reducindo o déficit ou as denuncias ás medidas do Goberno central de Pedro Sánchez co dieselazo atoparon o voto positivo do resto de grupos.

Así pois, o PPdeG sacou adiante en solitario a gran maioría das súas propostas, aínda que o PSdeG si accedeu a apoiar algunha delas en temas de menor calado como tratamento de residuos ou transporte, mentres que o BNG só apoiou unha relacionada coa inspección de pontes e En Marea rexeitou todas, fóra dunha abstención nun texto sobre memoria histórica.

En total, foron aprobadas 54 resolucións, das que 37 foron presentadas polo PPdeG, 3 por En Marea, 2 polo BNG e unha polo PSdeG; ademais das 11 transaccións alcanzadas entre o grupo maioritario e outras forzas, xa que chegou a 8 pactos cos socialistas e a outros 3 con En Marea.

Polo camiño quedáronse resolucións que demandaban reformas profundas en materia de emprego, enerxía, sanidade, infraestruturas ou medios públicos e unicamente houbo coincidencia ampla entre PPdeG e PSdeG naquelas cuestións relacionadas co modelo de Estado e as competencias autonómicas.

Entre os asuntos polémicos estivo a incapacidade dos grupos para entenderse en materia de memoria histórica, que se erixiu como central neste debate ao estar presente en cuestións como as axudas para reparar a memoria das vítimas do franquismo, a recuperación do Pazo de Meirás ou a correcta interpretación do significado do cadro de Castelao A derradeira leición de mestre.

Relacionado con isto último, o BNG quedou só na demanda da adquisición desta pintura por parte do Goberno galego, do mesmo xeito que na votación das súas propostas sobre unha axenda galega con múltiples transferencias de competencias e a disposición dun modelo de concerto económico.

Á súa vez, En Marea tamén votou en contra da iniciativa presentada polo PPdeG para condenar o "uso abusivo" das prerrogativas parlamentarias e coa que trataba de criticar a actitude do seu portavoz, Luís Villares, e a súa deputada Paula Quinteiro.

Os viceportavoces dos grupos parlamentarios da oposición que interviñeron este xoves coincidiron en lamentar a -segundo eles- pouca vontade negociadora real do grupo maioritario e que derivou en que nin unha soa das propostas íntegras dos populares fose sacada adiante por unanimidade.

Precisamente o voto común dos 73 deputados presentes no Hórreo -dúas persoas xustificaran a súa ausencia- só foi atopado en nove ocasións durante esta xornada, para apoiar tres transaccións entre PPdeG e PSdeG, sobre vivenda e medioambiente, e outra entre PPdeG e En Marea sobre benestar animal.

Así mesmo, dúas propostas dos nacionalistas sobre lusofonía e reforma da PAC tamén recibiron unha aprobación por unanimidade, de igual forma que tres de En Marea en base á coincidencia sobre levar a cabo actuacións contra o lindano, elaborar o mapa de paisaxes ou impulsar a estratexia de cultura.

Os portavoces explicaron que non compraron o discurso do presidente galego porque entenden que "non se pode seguir asinando acordos sen ningún compromiso orzamentario porque é fume. É facer que se fai, pero sen facer nada", incidiu Olalla Rodil.

De igual forma, a socialista Patricia Vilán sinalou que a Cámara non pode seguir aceptando un "brinde ao Sol" por parte do grupo que sustenta ao Goberno galego, mentres que o deputado de En Marea, Antón Sánchez, considerou que algunhas das propostas dos populares demostran que "son escandalosamente cínicos" xa que anuncian medidas sen ningunha intención de cumprilas.

Con todo, o viceportavoz do PP no Parlamento galego, Miguel Tellado, restou xoves importancia a estas críticas ao entender que son vertidas por unha oposición "apocalíptica, en branco e negro e moi pouco propositiva, en xeral".

Comentarios